Emigración e a Federación de Venezolanos de Galicia renovan o seu convenio de colaboración para manter as súas oficinas de información aos retornados

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegáronse ata a sede desta entidade na cidade olívica para asinar o acordo que permite destinar 50.000 euros a esta federación

Deste xeito, a entidade pode manter a atención na súa sede olívica e no resto da provincia de Pontevedra e na de Ourense, así como a súa oficina itinerante coa que aporta asesoramento aos galegos retornados de toda a Comunidade autónoma

Ao longo do ano pasado, Fevega asesorou a máis de 2.600 galegos retornados e as súas familias en diversas cuestións, tanto de xeito telemático coma presencial

Vigo, 09 de maio de 2023 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou hoxe un acordo de colaboración coa Federación Venezolana de Galicia (Fevega) a través do cal a Xunta destina 50.000 euros para o mantemento das súas oficinas de información e asesoramento a galegos retornados. No acto estivo tamén presente a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

A colaboración con esta entidade posibilita a información a retornados así como a execución de actividades formativas de acollida, completando a acción das oficinas de asesoramento e seguimento da propia Secretaría Xeral da Emigración en Vigo, no resto da provincia de Pontevedra e na de Ourense, e unha oficina itinerante que visita os distintos concellos de Galicia.

A Federación Venezolana de Galicia, que conta con máis de 4.100 socios en Galicia,  é unha agrupación de asociacións sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico que naceu en 2009, co obxectivo de apoiar aos seus asociados nos seus ámbitos de actuación e desenvolver accións de atención aos emigrantes retornados no seu proceso de integración social, laboral e cultural en Galicia. O seu labor de información xurdiu en 2017 da man da Xunta de Galicia, atendendo xa, dende o seu inicio, a máis de 12.500 usuarios.

Ao longo do ano pasado, Fevega asesorou a máis de 2.600 galegos retornados e as súas familias en diversas cuestións, tanto de xeito telemático como presencial

A través deste convenio, Fevega comprométese a manter este labor de información e asesoramento, así como ofrecer un servizo integral e completo aos emigrantes retornados, prestar orientación e asesoramento xurídico se o necesitan, apoialos no cumprimento dos trámites necesarios nas súas relacións coas administración públicas, proporcionarlles apoio e acompañamento e facilitarlle toda a información que lle sexa requirida pola Comunidade Autónoma. Ademais, tamén deben ofrecer un servizo de información itinerante por toda Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023