A Xunta inicia a execución da nova senda entre O Peteiro e O Baño, no Concello de Mugardos, que supón un investimento de case 535.000 €

Trátase de habilitar un itinerario de case 600 metros pola marxe dereita da AC-131, desde o final das beirarrúas actuais ata a vía urbana de acceso ao Baño

A intervención, cun prazo de execución de 4 meses, ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria, ao tempo que potenciará unha contorna de gran valor natural e de interese turístico, como é a praia da Bestarruza, a baía do Baño e o Castelo da Palma

O deseño da senda procura a máxima integración paisaxística e o respecto ás propiedades e aos valores ambientais

Santiago de Compostela 9 de marzo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras da nova da nova senda entre O Peteiro e O Baño, no concello de Mugardos, que supoñen un investimento de preto de 535.000 euros.

Os traballos consisten na execución dun itinerario de case 600 metros pola marxe dereita da estrada autonómica AC-131, desde onde finalizan as beirarrúas actuais ata a vía urbana de acceso ao Baño.

A intervención nesta estrada autonómica ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria, ademais de contribuír a potenciar e poñer valor unha contorna de gran valor natural e de interese turístico, como é a praia da Bestarruza, a baía do Baño e o Castelo da Palma.

Os traballos que se inician agora contan cun prazo de execución de 4 meses e permitirán habilitar unha senda na AC-131, que terá un ancho de 2,5 metros, agás nos seus primeiros metros, onde disporá dunha anchura de 1,25 metros para salvar os peches existentes.

As obras prestarán especial atención á máxima integración e respecto ás propiedades e aos valores ambientais. Por iso, aínda que a senda transcorre paralela á vía, desviarase nalgún punto para non afectar ás árbores da contorna.

Tamén se executarán varios muros de mampostería para evitar a afección a unha vivenda e para reducir a altura do terraplén que presenta o terreo.

No marco desta intervención aproveitarase, ademais, para habilitar unha pequena zona de esparcemento, con mobiliario urbano, que sirva para o descanso e o desfrute dos veciños. Xunto con isto, executaranse traballos complementarios: drenaxe, alumeado, reposición de accesos ou restauración paisaxística.

Tras as achegas recibidas logo de someter a información pública o proxecto, realizáronse axustes no trazado da nova senda para mellorar a conexión cos itinerarios que xa hai. Así, no inicio do treito ampliarase a beirarrúa actual ocupando parte da beiravía da estrada e tamén se ampliará a senda para que a chegada ao paso de peóns da rúa Rosalía de Castro sexa accesible.

Esta actuación conta con fondos FEDER-REACT-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023