O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou esta mañá os distintos postos das empresas galegas
A Xunta apoia os viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia participantes na Feira Fenavin de Ciudad Real
No espazo dispoñible da Consellería do Medio Rural participan 34 empresas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas e tamén haberá un túnel do viño con diferentes propostas
Trátase do maior evento nacional do sector do viño, que chega á súa edición número 12 e que se prolongará ata o xoves
Ciudad Real, 9 de maio de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu hoxe á XII edición da Feira Nacional do Viño – Fenavin, en Ciudad Real, e visitou os distintos postos das empresas galegas participantes. Alí, o director puxo en valor a presenza en eventos coma este, na liña do que se persegue coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que busca consolidar o viño galego nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios nos que se produce.
Neste senso, a Consellería do Medio Rural apoia nesta feira os viños das cinco denominacións de orixe (DO) vitivinícolas galegas e as augardentes e licores tradicionais da comunidade con indicación xeográfica (IX). Así, acolle no seu posto a un total de 34 empresas coexpositoras: oito empresas da denominación de orixe Ribeiro, tres da DO Valdeorras, 14 da denominación Rías Baixas, oito da DO Ribeira Sacra e unha da DO Monterrei, todas elas identificadas co seu selo correspondente xunto coa marca Galicia. Algún dos postos acollen a varias adegas ou grupos de adegas con viños, nalgúns casos, de varias denominacións.
Así mesmo, os visitantes da zona de Galicia terán acceso a un túnel do viño onde están presentes algúns dos produtos dos expositores, así como outros caldos e augardentes e licores tradicionais da comunidade. Cómpre engadir tamén que os asistentes poderán coñecer os produtos premiados na última edición das Catas de Galicia.
A maiores, os consellos reguladores dispoñen dun espazo para a promoción dos seus selos e un reservado para levar a cabo posible accións promocionais e comerciais, moi orientadas cara á exportación. De feito, os expositores contan cun programa de contactos con compradores profesionais que permitirá axilizar a súa axenda durante os días de feira.