A Xunta comeza a execución da nova vía de conexión da aldea de Fafián, que supón o inicio da variante de Ribeira cun investimento de 860.000 €

Trátase dos traballos de construción dunha vía de 220 metros desde a conexión coa estrada DP-7305, mediante unha glorieta de 34 metros de diámetro, ata Fafián, onde finaliza cunha intersección en “T”

Prevese que os traballos, que contan cun prazo de execución de 12 meses, estean rematados na primavera de 2024

Esta nova vía permitirá captar un tráfico de 4.300 vehículos diarios, o 3,4% pesados

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023 A Xunta comezou hoxe as obras da nova vía de conexión da aldea de Fafián, que suporán un investimento total de 860.000 euros, nos que se inclúe o pagamento das expropiacións necesarias para executar estas obras. Esta actuación forma parte da Variante de Ribeira, que comeza así a materializarse. 

Os traballos, que foron adxudicados á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L., consisten na execución da nova conexión entre a estrada provincial DP-7305, que conecta Ribeira con Aguiño a través de Carreira, e a aldea de Fafián. 

As obras que veñen de iniciarse constitúen o primeiro paso do desenvolvemento da Variante de Ribeira. Contan cun prazo de execución de 12 meses, polo que se prevé o seu remate na primavera do 2024. 

Máis concretamente, estanse a iniciar os traballos de execución dos 220 metros de lonxitude que terá a nova vía, que comeza na conexión coa estrada da deputación mediante a execución dunha glorieta de 34 metros de diámetro e finalizando en Fafián, cunha intersección en “T”.  

Esta vía de novo trazado disporá de 2 carrís de 3,5 metros de ancho e beirarrúas de 2,10 metros. As beirarrúas na marxe da estrada garantirán un itinerario peonil continuo e seguro para o tránsito dos veciños.  

Como intervencións complementarias, procederase á reposición do firme dos viarios urbanos afectados; e á reposición dos camiños de servizo, executando dous pequenos treitos para garantir o acceso ás leiras. 

Ese pequeno tramo de 220 metros de nova vía permitirá captar un tráfico estimado de case 4.300 vehículos, o 3,4% de vehículos pesados.

A actuación correspóndese coa parte inicial do 3º treito da Variante de Ribeira, cuxo proxecto de trazado completo está aprobado, e a resolución da aprobación do expediente de información pública, do proxecto de trazado e do estudo de impacto ambiental foi publicado o pasado mes de outubro. A Variante de Ribeira suporá un investimento autonómico conxunto de 10,3 M€.

Data de actualización: 09/05/2023