A Xunta adxudica por preto de 210.000 euros as obras para minimizar o risco de inundación na marxe dereita do río Valga, no Concello de Valga

Os traballos céntranse na zona na que conflúen o río e un rego innominado, nunha área recreativa xunto coa estrada N-550 que conta con praia fluvial, zona de merendeiros e instalacións de ocio

Estas actuacións, cun prazo de execución de 3 meses, teñen como obxectivo evitar asolagamentos na zona urbana
 

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023  A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar por 208.815 euros as obras necesarias para minimizar o risco de inundación na marxe dereita do río Valga, ao seu paso polo municipio pontevedrés de Valga.

Os traballos, cun prazo de execución de 3 meses, foron adxudicados á empresa Construcciones Cernadas, S.L.

En concreto a actuación que acaba de ser adxudicada permitirá actuar nunha zona na que conflúen o río Valga e un rego innominado que concorren nunha área recreativa xunto coa estrada N-550 e que conta con praia fluvial, zona de merendeiros e instalacións de ocio.

 

As vivendas situadas próximas ao parque pola marxe dereita da confluencia está a igual ou menor cota cas propias cotas das marxes do leito. Por este motivo, e dado que a estrada N-550 actúa como muro de contención ao estar elevada, no caso de desbordamento, estas vivendas resultan inundadas.

 

Na actualidade o río Valga está canalizado neste treito e presenta unha obra de drenaxe transversal que non é abonda para evacuar o caudal para o período de retorno dos 100 anos.

 

Os traballos a desenvolver polo adxudicatario das obras responderá ao proxecto redactado por Augas de Galicia co obxectivo de evitar a inundación da zona urbana.

 

As actuacións proxectadas suporán a demolición do muro, entre a estrutura da N-550 e a pasarela existente sobre o rego innominado e da canle de acceso ao lavadoiro existente na marxe dereita do río Valga.

 

Na intervención inclúese, ademais, a construción dun muro de perpiaño de granito con lonxitude aproximada de 56 metros e a cota 29,95 metros, con núcleo de formigón en masa; e a construción, adosada ao muro, dunha nova canle de acceso ao lavadoiro.

 

Executarase unha pasarela de madeira de 3 metros de largo para o acceso á praia fluvial sobre a canle da marxe esquerda e escaleira de acceso á pasarela, instalándose unha varanda de madeira no borde da canle da marxe esquerda.

 

Tamén se acondicionará o leito da marxe esquerda mediante a limpeza, reperfilado e recubrimento de escollera de 50 centímetros, e procederase á retirada e substitución da pasarela de madeira existente por outra de características similares.

 

Nesta intervención adaptarase a comporta da canle da marxe dereita mediante o recrecido da mesma, incluíndo a substitución das guías e acoplamento de motor para conversión a eléctrica.

Finalmente, prevese a substitución de escaleiras metálicas por outras de aceiro inoxidable de maior lonxitude no muro da marxe dereita

 

Esta actuación enmárcase na colaboración entre a Xunta e o Concello de Valga, no que se recolleron distintas actuacións necesarias para evitar as inundacións na zona urbana e que suporá un investimento autonómico global de 1,25 M€.

As intervencións obxecto do citado convenio buscan minimizar os asolagamentos nesta contorna e están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións dos ríos Ulla e Sar.

 

Trátase de intervencións estruturais para a mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada autonómica PO-548 e a liña de ferrocarril; a mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa; e da protección da marxe dereita do río Valga ao seu paso polo municipio, obxecto das actuación que se licitan hoxe.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, asume a financiación do conxunto das actuacións e leva a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras.

 

Pola súa banda, o Concello de Valga comprométese á posta a disposición dos terreos necesarios para o inicio dos traballos e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Tamén asume a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación das obras executadas, de acordo coa finalidade prevista.

As actuacións están cofinanciadas con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.

 
Data de actualización: 09/05/2023