A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, abordou esta mañá co alcalde de Sanxenxo, Telmo Marín, o novo paso administrativo desta actuación entre O Vinquiño e Contumil, licitada por 169.000 €

A Xunta licita as obras da senda peonil na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504 para resolver unha barreira de mobilidade e permitir un itinerario máis seguro e accesible

O contrato permitirá executar un itinerario de 380 metros para unir ambas as marxes da autovía e resolver a barreira que supón para a mobilidade a alta densidade de tráfico que rexistra a zona

O 1º treito partirá das beirarrúas da marxe dereita da PO-504, ao seu inicio no Vinquiño e ata o paso inferior da autovía, desde onde continuará o 2º facendo unha “L”, ata a glorieta inferior do enlace da autovía e unir a senda coa zona comercial e a estación de servizo

A intervención incluirá a dotación de iluminación pública, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos e a colocación de xardineiras no treito paralelo á PO-504

Sanxenxo (Pontevedra), 9 de maio de 2023

A Xunta licitou hoxe as obras de execución da senda peonil na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504 para resolver unha barreira de mobilidade e permitir un itinerario máis seguro e accesible.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, no que abordaron o novo paso administrativo desta actuación entre O Vinquiño e Contumil, licitada por 169.000 euros.

 

O obxectivo é habilitar un itinerario peonil de 382 metros de lonxitude, para unir ambas as marxes da autovía e resolver a barreira que supón para a mobilidade peonil pola alta densidade de tráfico que rexistra este enlace coa estrada autonómica.

 

Segundo trasladou Vázquez Mourelle no transcurso da xuntanza, o Consello da Xunta aprobou en febreiro o proxecto de execución e a declaración de utilidade pública pola que dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar este novo itinerario, e hoxe mesmo a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a licitación da obra.

 

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 5 de xuño para presentar as súas ofertas. O investimento global que a Xunta destinará a esta intervención acada os preto de 180.000 euros, tendo en conta a expropiación dos terreos necesarios para a súa execución.

 

A previsión é adxudicar as obras no verán co obxectivo de inicialas no outono e co horizonte de que os traballos estean rematados a finais deste ano ou principios de 2024, tendo en conta que o prazo de execución recollido no contrato é de 2 meses.

 

Máis concretamente, habilitarase un novo itinerario peonil que, nun primeiro treito, partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita da estrada PO-504 -ao seu inicio no lugar de Vinquiño- para chegar ata o paso inferior da autovía; e, nun segundo treito, continuar desde alí e facendo unha “L”, ata a glorieta inferior do enlace da autovía, comunicando a dita senda coa zona comercial e a estación de servizo. 

 

No primeiro treito, adaptaranse as beirarrúas existentes e os terreos para obter unha beiravía mínima de 0,7 metros. E no segundo treito, unha vez pasado o paso inferior, a senda discorrerá paralela aos muros e ao pé do noiro da propia autovía para rematar na glorieta inferior do enlace que dá acceso a Sanxenxo.

 

A sección mínima da senda terá un ancho medio de 2,5 metros e contará con pavimento de formigón e bordo de separación coa calzada.

 

A actuación complementarase coa dotación de iluminación pública, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos afectados e a dotación de diferentes xardineiras no treito paralelo á PO-504.

 

Con esta alternativa, evítase o paso polo enlace da glorieta inferior de acceso a Sanxenxo, conseguindo así unha maior seguridade viaria para os peóns e garantindo unha solución técnica e viable a un problema de mobilidade peonil e de comunicación xa existente neste punto de acceso á vila onde, ademais, se atopa un importante núcleo de establecementos comerciais. A nova senda cuxas obras se licitan hoxe posibilitará, polo tanto, un itinerario accesible polo cal os peóns poderán circular en condicións de máxima seguridade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023