A Xunta comeza as obras para a nova mellora do acceso da Vía Ártabra ao porto de Lorbé, en Oleiros, cun investimento de máis de 270.000 €

Mellorarase o acceso ao porto de Lorbé desde a intersección da Vía Ártabra coa estrada provincial CP-5802 ata a entrada ao recinto portuario
 

As actuacións suporán unha mellora substancial do acceso coa ampliación do radio da curva actual, a adecuación da pendente, a ampliación da plataforma dotándoa de aparcadoiro, beirarrúas, alumeado e arboredo
 

Executarase unha senda peonil para facilitar o acceso aos vehículos aparcados
 

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023

A  Xunta comezou as obras para a nova mellora do acceso da Vía Ártabra ao porto do Lorbé, no concello de Oleiros, cun investimento de máis de 270.000 euros.

A actuación permitirá mellorar o acceso ao porto de Lorbé desde a intersección da Vía Ártabra coa estrada provincial CP-5802 ata a entrada ao recinto portuario. Trátase de mellorar a plataforma e o trazado do tramo final da Vía Ártabra neste punto para dar un acceso axeitado ao porto de Lorbé.
 
A intervención acadará unha mellora substancial do acceso en varios aspectos, comezando pola ampliación do radio da curva actual e a adecuación da pendente, mellorando o trazado e a visibilidade.
 
As obras inclúen a ampliación da plataforma e a ordenación dos aparcadoiros ao longo da estrada, a dotación de beirarrúas, alumeado e arboredo na zona de actuación. Ademais, executarase unha senda peonil para facilitar aos peóns o acceso aos seus vehículos aparcados. Construirase tamén un muro de 1 metro de altura e 0,50 de ancho e de 42 metros de lonxitude.
 

A intervención incluirá as obras de drenaxe, coa colocación de 13 sumidoiros novos, e a limpeza de 69 metros de gabia. Para acometer os traballos non é precisa expropiación algunha, xa que as obras están incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada.

En abril de 2017 abriuse ao tráfico un novo acceso ao porto de Lorbé, a través da AC-526. As expropiacións necesarias para a súa construción e as obras foron realizadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como unha colaboración con Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar.

 

Data de actualización: 09/05/2023