O auditorio do Pazo de Mos mellora a súa climatización co apoio da Xunta

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e o presidente da Fundación Pazo de Mos asinaron hoxe o acordo de colaboración

A actuación está presupostada en máis de 33.300 euros e busca garantir o confort nun espazo que promove a realización de múltiples eventos culturais e sociais
 

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Fundación Pazo de Mos, Manuel Castro, asinaron hoxe o acordo de colaboración para a instalación de climatización no auditorio do Pazo de Mos.

 

O orzamento previsto para as obras é de 33.300 euros que serán achegados integramente pola Xunta para a súa execución antes de que remate este ano.

 

A través desta iniciativa, ambas as entidades colaboran na adecuación e mellora dun espazo que promove a realización de eventos de interese xeral con fins culturais e sociais. Búscase así garantir o confort tanto de persoal como de visitantes. Cómpre sinalar que só durante o pasado ano máis de 16.000 persoas participaron dos servizos de lecer, deporte, musicais ou visitas guiadas, entre outros, desenvolvidos no pazo.

 

Cunha construción iniciada no século XVI, o edificio sitúase a carón do Camiño Portugués e conta ademais cunha contorna singular e elementos incluídos no catálogo de patrimonio de Galicia. A colaboración da Xunta para a mellora do inmoble enmárcase no apoio ás asociacións e fundacións sen fins de lucro que contribúen á realización de accións de interese xeral.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023