A Xunta convoca as axudas para facilitar a actualización informática e dos medios técnicos das organizacións profesionais e asociacións agrarias

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a correspondente orde da Consellería do Medio Rural por segundo ano consecutivo, dotada con 130.000 euros

Os interesados teñen un mes dende mañá para presentar as súas solicitudes de forma telemática

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras -e se convocan para o ano 2023- das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións do sector para a adquisición e mantemento dos bens informáticos e dos medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades.

A medida, que é a segunda vez que se convoca, está dotada cun orzamento de 130.000 euros e ten como finalidade favorecer a actualización informática das organizacións profesionais e asociacións agrarias. A contía das axudas será do 50% dos custos subvencionables, cun límite máximo de ata 30.000 euros para as organizacións profesionais e de ata 15.000 euros no caso das asociacións.

Así, entre os investimentos subvencionables figuran a adquisición de hardware e software informático, tales como o equipamento do posto de traballo fixo e móbil, equipamentos de impresión e dixitalización de documentos, equipamentos e instalación de redes e servidores, así como de captura de imaxes, vídeos e dispositivos de proxección. Tamén se financiará a compra de software e dispositivos de seguridade. En calquera caso, todos estes bens de equipo deberán destinarse, como mínimo, durante dous anos ao fin concreto para o que se concedeu a subvención. 

Os interesados teñen o prazo dun mes dende mañá, día seguinte ao da publicación desta orde, para presentar as súas correspondentes solicitudes de forma telemática. 

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230509/AnuncioG0426-260423-0002_gl.html

Data de actualización: 09/05/2023