A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade peonil na estrada autonómica LU-617 na contorna do cemiterio de Monforte de Lemos

Actúase nun treito recto, con beirarrúas no seu inicio e no seu final, co obxectivo de mellorar a seguridade da estrada mediante a separación física do tráfico de vehículos e de peóns, dándolle continuidade ao itinerario peonil existente

As obras, adxudicadas por preto de 40.000 €, ampliarán as beirarrúas no acceso o cemiterio no treito de 200 metros entre os quilométricos 0+600 e 0+800

Habilitaranse pasos de peóns de pavimento táctil, executaranse 5 sumidoiros ao longo da traza para a súa conexión á rede de pluviais e realizarase a canalización do alumeado público e da rede de telecomunicacións

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou os traballos de mellora da seguridade peonil na estrada autonómica LU-617  na contorna do cemiterio de Monforte de Lemos.

Os traballos consisten na ampliación das beirarrúas no acceso o cemiterio deste municipio lucense, no treito de 200 metros comprendido entre os puntos quilométricos 0+600 e 0+800 da estrada autonómica. 

As obras foron adxudicadas á empresa Transformaciones Agrarias Isidro Hermanos Blanco Trigo, S.L  por importe de case 40.000 euros. 

Máis concretamente, estase a actuar nun treito recto, con beirarrúas no seu inicio e no seu final, polo que a ampliación das beirarrúas ten como obxectivo principal a mellora da seguridade viaria da estrada mediante a separación física do tráfico de vehículos e do tráfico peonil, dándolle continuidade ao itinerario existente. 

Para a súa execución, comézase pola demolición do pavimento para, posteriormente, proceder á pavimentación das beiravías con 25 centímetros de zahorra de canteira e 15 de formigón continuo, reforzado con mallazo. Colocarase, ademais, un bordo prefabricado de formigón de 22x15 centímetros en toda a lonxitude das beirarrúas. 

Ademais habilitaranse pasos de peóns e colocarase pavimento táctil na execución dos vaos. 

Tamén se inclúe na actuación a recollida das augas superficiais, para o que se executarán 5 sumidoiros ao longo da traza, que se conectarán á rede de pluviais existente. 

No marco das obras está prevista a canalización do alumeado público e dun prisma de 4 tubos para a rede de telecomunicacións, coas súas arquetas correspondentes. 

A actuación completarase coa reposición da sinalización horizontal no ámbito de intervención.

Esta obra da Xunta realízase en terreos de dominio público adscritos á Axencia Galega de Infraestruturas non sendo, polo tanto, necesario realizar expropiacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2023