Tamén se publica hoxe a convocatoria dos actos expropiatorios, en xuño e xullo, para executar o aparcadoiro disuasorio na avenida de Breogán de Lugo, que suporá un investimento de case 1,2 M€

A Xunta convoca en maio, xuño e xullo os propietarios dos terreos necesarios para a mellora de 51 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á cidade de Lugo

Acondicionaranse as paradas de autobús situadas en 15 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos da provincia e suporán un investimento de máis de 2,2 M€

Os concellos do Vicedo, Riotorto, Cospeito e Lugo acollerán o levantamento de actas previas á ocupación entre o 31 de maio e o 1 de xuño; e a formalización fíxase para os días 11 e 12 de xullo

As actuacións inclúen a mellora da contorna, coa execución de sendas ou beirarrúas, a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas
 

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), e no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, a convocatoria, para este mes de maio e os vindeiros meses de xuño e xullo, dos propietarios dos terreos necesarios para actuar na mellora da accesibilidade e conectividade de 51 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas ao paso das rutas de acceso polo norte á cidade de Lugo.

Estas obras, xa licitadas e en fase de contratación, permitirán intervir na mellora de 30 paradas en Lugo; 5 en Xove; 4 en Castro de Rei; 2 en Riotorto; 2 en Outeiro de Rei; 2 no Vicedo; 2 en Cospeito; 2 en Begonte; 1 en Abadín; e 1 en Meira.

 

En concreto para levar a cabo o acondicionamento deste conxunto de 51 paradas de autobús, situadas en 15 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos da provincia, faise necesario a expropiación de distintos predios situados nos municipios de Lugo, Cospeito, Riotorto e O Vicedo. No resto das paradas as melloras realízanse en zona de dominio público das estradas de titularidade da Xunta, polo que non é necesario o proceso expropiatorio.

 

Segundo recolle hoxe o DOG, o acto de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos situados nos municipios do Vicedo, Riotorto e Cospeito fíxase para o día 31 de maio, no salón de plenos das respectivas casas do Concello. No caso do acto expropiatorio dos terreos situados no concello de Lugo, os titulares do terreos están citados para o día 1 de xuño no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra.

 

Posteriormente, no mes de xullo, convócase o pagamento de depósitos previos e a formalización das actas de ocupación. En concreto, en Lugo convócanse para o día 11, novamente no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra da cidade. No Vicedo, Riotorto e Cospeito e fíxase para o seguinte día, 12 de xullo, nestes casos nas respectivas casas do Concello.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230508/AnuncioG0181-250423-0003_gl.html

As intervencións de acondicionamento deste conxunto de 51 paradas de autobús permitirán dotar as paradas de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

 

Tamén se inclúen obras para facilitar as manobras dos autobuses e favorecer a conectividade das paradas a través da execución de beirarrúas ou sendas peonís.

 

Así mesmo, reforzarase a seguridade das paradas, tamén con perspectiva de xénero, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e iluminación na súa contorna, e actuarase mellorando a información e a sinalización.

 

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas de titularidade autonómicas en toda Galicia.

 

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Convocatoria aparcadoiro disuasorio avenida de Breogán

Tamén hoxe a Xunta publica no Boletín Oficial da Provincia de Lugo a convocatoria, para os vindeiros meses de xuño e de xullo, dos actos expropiatorios para executar as obras do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, na avenida de Breogán, no concello de Lugo.

 

Este novo aparcadoiro, cuxas obras están xa licitadas e en fase de análise das 9 ofertas presentadas por empresas, suporán un investimento que roldará os 1,2 M€.

 

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para o vindeiro día 1 de xuño, das 09,00 ás 10, 00 horas, no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 11 de xullo, á mesma hora e no mesmo lugar.

 

O novo aparcadoiro, situarase na parcela anexa á citada avenida, estratéxica pola súa situación entre as estradas nacionais N-VI e N-540, ademais de pola súa proximidade ao novo polo de atracción que vai ser o Barrio da Residencia.

 

Este estacionamento disuasorio distribuirase nunha superficie de 5.700 m² que ofrecerá un total de 148 prazas, das cales 4 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida.

 

En concreto, o novo aparcadoiro disporá dun dobre acceso: un ao norte, a través da rúa Barrio Casas, que busca dar servizo aos tráficos que teñen como orixe ou destino o interior da cidade de Lugo e máis concretamente o norte e leste; e outro acceso polo sur, con entrada e saída pola propia avenida de Breogán, pensado como entrada principal e destinado aos coches que teñen como orixe ou destino o exterior da cidade ou que van empregar o nó viario das estradas nacionais para acceder ás circunvalacións da cidade e ás vías de alta capacidade.

 

No seu interior, o aparcadoiro terá 3 eixes viarios, todos unidireccionais e con carrís de 6 metros para facilitar as manobras de entrada e saída nas prazas de estacionamento: un eixe principal de 70 metros que vai desde a avenida de Breogán ata a rúa Barrio Casas; un eixe perimetral e un eixe central que os conectará.

 

Ademais, a actuación permitirá renaturalizar a canle dun regato que discorre parcialmente entubada pola parcela e suporá, tamén, a reconfiguración da rúa Barrio Casas, acadando as condicións axeitadas na sección transversal.

 

A execución deste aparcadoiro completarase coa instalación de alumeado, videovixilancia, preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación e arborado, que dotarán de sombra no aparcadoiro.

 

A previsión é comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 10 meses.

 

Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

 

Data de actualización: 08/05/2023