A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe unha antiga fábrica de conservas e salgadura en Muros

A Xunta actualiza o catálogo de bens en servidume de costas para outorgar maior seguridade xurídica á recuperación do patrimonio construído

Ángeles Vázquez explica que o Goberno galego pretende que este catálogo sexa unha ferramenta útil e consensuada de cara á posta en valor das edificacións que na actualidade están en desuso

Muros (A Coruña), 8 de maio de 2023

A Xunta actualizará o catálogo de bens en servidume de protección de Dominio Público Marítimo Terrestre para outorgar maior seguridade xurídica á recuperación do patrimonio construído ao abeiro do proxecto de lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, cuxa aprobación por parte do Parlamento está prevista para este ano.

Segundo dixo hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita a unha antiga fábrica de salgadura en Muros, o obxectivo é elaborar un catálogo máis ambicioso, actualizado e adaptado ao disposto na nova normativa para que as edificacións localizadas no litoral galego teñan moitas máis facilidades para poder realizar unha intervención que lles devolva a vida, que poña en valor o noso patrimonio e que evite que estes inmobles sigan deteriorándose e sen ningunha función.
 
Cómpre lembrar que en 2021 a Xunta xa presentou un primeiro catálogo que recollía 361 bens con valor ambiental, patrimonial ou arquitectónico localizados en servidume de protección de DPMT, que agora será actualizado en base á nova lei, que inclúe como unha das súas principais novidades a identificación de actuacións estratéxicas, entre as que figura, precisamente, a recuperación do patrimonio cultural.

Logo de agradecer a colaboración da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) neste eido, Ángeles Vázquez explicou que o Goberno galego pretende que este catálogo sexa unha ferramenta útil e consensuada de cara á posta en valor das edificacións no litoral que están en desuso na actualidade.

Precisamente a antiga fábrica de salgadura da familia Legarda, que visitou hoxe a conselleira, é un dos inmobles que podería ter un novo uso. Foi construída en 1916 e estivo en funcionamento ata os anos 80. A fábrica de conservas orixinariamente tiña unha parte central, que estaba dividida en catro pavillóns ocupando unha superficie de 2.080 m2 e entrada polo sur. Posuía, ademais, unhas vivendas para o encargado e propietarios pola banda noroeste. A zona de salgadura, que era unha actividade secundaria na fábrica, estaba en cesión administrativa e tiña uns 670 m2, onde estaban as pías de cemento para salgar sardiña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2023