A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse esta mañá coa presidenta do club ADM, Paula Gárate

A Xunta ten aberto o prazo para solicitar as axudas para equipamento de deporte adaptado ata o 26 de maio

Esta nova orde de subvencións, financiada con fondos europeos Next Generation, contan cun crédito orzamentario de preto de 227.000 euros
 

Están destinadas a clubs deportivos galegos que conten con deportistas con discapacidade na tempada 2022/2023 ou 2023
 

Ferrol, 8 de maio de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión coa presidenta do club ADM -integrado na asociación ASCM-, Paula Gárate, coa que abordou certos temas de interese para a entidade. Durante a mesma, a delegada territorial informou, entre outros, da convocatoria de axudas para adquisición de equipamento deportivo para deporte adaptado da que se poderán beneficiar os clubs deportivos galegos que, na tempada 2022/2023 ou 2023, conten con deportistas con discapacidade.

Esta é a primeira orde de axudas que a Xunta aproba especificamente para deporte adaptado aínda que xa se viñan convocando nos últimos anos subvencións para a adquisición de equipamento deportivo pola que as entidades xa podían obter equipamento adaptado. Conta cun crédito orzamentario de 226.754 euros, importe co que a Administración autonómica cubrirá o 80% do gasto subvencionable. O importe máximo da axuda será de 5.000 euros e o prazo para solicitala finaliza o próximo 26 de maio.

Estas subvencións da Secretaría Xeral para o Deportte inclúense no Plan de promoción da igualdade no deporte, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2023