A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado da Xunta na Coruña, e co director da Axencia Galega de Infraestruturas, participou hoxe nunha xornada técnica organizada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos na Coruña

A Xunta convida aos enxeñeiros de camiños a achegar propostas construtivas pioneiras e singulares para os accesos ao Novo CHUAC, que se licitarán en xuño cun concurso de proxecto e obra

Na xuntanza abordouse o desafío técnico dos accesos para garantir o funcionamento do actual hospital, encaixalos coa AC-10 e a avenida das Xubias pola que circulan 20.000 vehículos diarios, minimizar a afección e garantindo a máxima integración paisaxística

A Xunta está en condicións de impulsar xa os accesos, unha peza esencial do ‘Novo CHUAC’ cun orzamento estimado en máis de 25 M€, tras a análise de ata 20 alternativas nas que se buscou o consenso co Concello e a Xunta asume a titularidade da AC-12

A fórmula para licitar como un único contrato a redacción do proxecto construtivo e a execución dos accesos ao ‘Novo CHUAC’ xustifícase na singularidade e excepcionalidade da actuación, e na vantaxe de axilizar os prazos desta parte das obras

A Xunta tramita a próxima licitación da demolición do actual Hotel do doente e tamén a da obra da Torre Polivalente

Estase a ultimar ademais a redacción do proxecto de interese autonómico do novo Hospital Público da Coruña, que se prevé someter a información pública este mes

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2023 A Xunta convidou hoxe ao enxeñeiros de Camiños a achegar propostas construtivas pioneiras e singulares para os accesos ao ‘Novo CHUAC’, que se licitarán en xuño a través dun concurso de proxecto e obra. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou hoxe na Coruña nunha xornada técnica organizada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, na que se abordou o proceso de construción deste novo Hospital Público, que afronta esta primavera unha fase decisiva. 

Vázquez Mourelle destacou o especial interese desta xuntanza para contar coa participación activa e coas achegas técnicas da enxeñería, tendo en conta que os accesos que existen non son axeitados nin para o hospital actual. Incidiu en que a construción do ‘Novo CHUAC’, que duplica a superficie, fai necesaria unha transformación radical de toda a mobilidade da contorna. 

No encontro, Xunta e enxeñeiros abordaron o gran desafío técnico dos accesos: pola pendente do terreo; polo alto nivel de urbanización; porque hai que garantir o normal funcionamento do actual hospital; e porque hai que encaixar eses accesos con dúas vías, a AC-10 e a avenida das Xubias, pola que pasan 20.000 vehículos ao día. A isto, engádese a necesidade de minimizar en todo o posible a afección e de procurar a máxima integración paisaxística. 

Para isto, a Xunta leva moito tempo traballando, analizando ata 20 alternativas, buscando o consenso co Concello e aceptando mesmo a condición de asumir a titularidade da AC-12, co que isto supón de esforzo de xestión. 

Xa se someteu o trazado a consultas ambientais, primeiro, e a información pública despois, e agora, tal e como indicou Ethel Vázquez, estase xa en condicións de impulsar estes accesos, peza esencial do ‘Novo CHUAC’, que teñen un orzamento estimado en máis de 25 M€. 

Ethel Vázquez subliñou que para materializar ese trazado do mellor xeito posible precisa solucións construtivas creativas, pioneiras e singulares que permitan garantir a máxima funcionalidade cos mínimos cortes de tráfico e afección. 

No encontro co Colexio de Enxeñeiros avanzouse a intención da Xunta de licitar como un único contrato, que sairá a concurso en xuño, a redacción do proxecto construtivo e a execución das obras dos accesos ao ‘Novo CHUAC’. 

Esta é unha fórmula bastante extraordinaria, que se xustifica pola singularidade e excepcionalidade da actuación e que, ademais, ten a vantaxe de que permitirá axilizar os prazos desta parte das obras. 

A conselleira convidou aos enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia a formar parte deste gran proxecto e sumarse, co seu traballo e achegas, á construción da sanidade pública. 

Na reunión tamén se abordou o estado das distintas actuacións previstas, unha vez despexado o convenio co Concello da Coruña, que esta aprobado, tanto polo pleno municipal como polo Consello da Xunta, recollendo as alternativas viables que puxo sobre a mesa o Goberno galego.  

Tamén a Xunta ten en avanzado estado de tramitación, e próximas á súa licitación, as obras tanto de demolición do actual Hotel do doente como de construción da Torre Polivalente. 

Precisamente, hoxe mesmo, a Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para o vindeiro día 22 de maio, dos actos expropiatorios para executar a Torre Polivalente, que será a primeira edificación, icónica, do ‘Novo CHUAC’.

Ademais estase a ultimar a redacción do proxecto de interese autonómico, que a Xunta prevé someter a información pública este mesmo mes de maio.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2023