A Xunta promove o financiamento de pemes e autónomos galegos facilitando o acceso ao crédito de operacións por valor de 60 M€

O director do Igape, Fernando Guldrís, asina un convenio con representantes das sociedades de garantía recíproca (SGR) Afigal, Sogarpo e Iberaval na procura de dotar ao tecido empresarial galego das ferramentas necesarias para reforzar a súa solvencia e que poidan “gañar músculo, manter e xerar emprego, e desenvolver proxectos que contribúan á reactivación económica”

A liña, impulsada no marco da Axenda Financeira, abrirase o vindeiro 12 de maio e busca dar resposta ás necesidades das pequenas e medianas empresas no actual contexto económico, financiando investimentos produtivos e circulante estrutural, pagamentos e reestruturación de débedas, e favorecendo a capacidade do tecido empresarial galego para outorgar garantías fronte a terceiros

A modalidade de apoio poderá consistir na bonificación do tipo de xuro dos préstamos, na bonificación da comisión do aval, así como no reaval do risco asumido polas SGR

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2023 O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, asinou esta mañá un convenio con representantes das sociedades de garantía recíproca (SGR) Afigal, Sogarpo e Iberaval, na procura de facilitar, un ano máis, o acceso ao financiamento de pemes e autónomos galegos. Neste sentido, e como destacou Guldrís, o acordo permite cubrir operacións de investimento, circulante e garantías de pequenas e medianas empresas por importe de 60 millóns de euros.

O convenio, afondou o director do Igape, sitúase no marco da Axenda Financeira que promove o Goberno galego para axudar a pemes e autónomos a reforzar a súa solvencia e darlle acceso a crédito para que poidan “gañar músculo, manter e xerar emprego, e desenvolver proxectos que contribúan á reactivación económica e a competitividade dos sectores estratéxicos galegos”. 

Así, o obxectivo do acordo asinado hoxe é facilitar, dun lado, o acceso a préstamos a longo prazo para financiar tanto investimentos produtivos como circulante estrutural, dando a posibilidade tamén de aplicar os fondos ao pagamento ou á reestruturación de débedas con entidades financeiras; e, por outra parte, favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros.

Neste marco, explicou Guldrís, a modalidade de apoio consistirá tanto na bonificación do tipo de xuro dos préstamos, como na bonificación da comisión do aval, e no reaval do risco asumido polas SGR que faciliten o acceso ao crédito.

A concesión das axudas, cuxo período de solicitude estará aberto desde o 12 de maio e ata o 29 de setembro, será por concorrencia non competitiva, deste xeito son subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras ata o esgotamento do crédito. Deste xeito, apuntou Guldrís, axilízase a execución desta liña de financiamento para pequenas e medianas empresas e autónomos que teñen o seu domicilio social e desenvolven a súa actividade económica en Galicia.

“En definitiva, trátase de ofrecer ao tecido empresarial galego as mellores condicións de financiamento para fortalecer a súa solvencia. Por este motivo, mantemos intactas as capacidades de investimento tradicionais de fondo perdido e préstamos e avais, e reforzamos os fondos de apoio necesarios para unha adaptación ao complexo escenario actual”, informou o director do Igape, quen lembrou que, tamén no marco da Axenda Financeira, está en marcha a liña de préstamos directos para investimentos estratéxicos ou para infraestruturas de centros tecnolóxicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2023