A Xunta publica no DOG a convocatoria dos actos expropiatorios dos terreos precisos para a prolongación da autovía Santiago-A Estrada entre A Ramallosa e Pontevea

O levantamento de actas previas terá lugar entre os días 22 e o 26 de maio e a formalización será entre o 21 e o 25 de agosto, en ambos os dous casos no Concello de Teo

As obras do novo treito da autovía AG-59 están en proceso de licitación por un importe de 32,3 M€

Executaranse 3,5 km de autovía libre de peaxe desde A Ramallosa ata o enlace coa estrada AC-241, en Pontevea, de xeito paralelo á estrada AC-841

O novo treito contará con dous enlaces, un deles resultado da reforma do existente na Ramallosa, e outro de nova execución, sobre a AC-241, en Pontevea

A Xunta prevé comezar as obras no outono e avanzar paralelamente no proxecto de construción do seguinte treito, entre Pontevea e O Rollo, no municipio da Estrada

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2023 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria dos actos expropiatorios dos terreos precisos para executar as obras de prolongación da autovía Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e o enlace coa estrada AC-241, en Pontevea. 

En concreto, os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para os vindeiros días 22, 23, 24, 25 e 26 de maio, das 10,00 ás 13,00 horas, no salón de plenos do Concello de Teo.  

A formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 21, 22 ,23, 24 e 25 de agosto, á mesma hora e no mesmo lugar. 

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230508/AnuncioG0181-250423-0001_gl.html 

Este novo treito de autovía atópase agora mesmo en proceso de licitación por importe de 32,3 M€ e, tendo en conta as expropiacións, suporá un investimento de 33,1 M€. 

Con estes actos expropiatorios completarase a ocupación dos terreos necesarios para executar o novo treito da AG-59, posto que a parte principal das expropiacións, que se corresponden co tronco da autovía, xa están realizados.

O obxectivo é comezar os traballos no outono, cun prazo de execución de 20 meses, mentres avanza o proxecto do treito restante. 

Continuidade da AG-59

As actuacións en fase de contratación darán continuidade á autovía AG-59 nun total de 3,5 km libre de peaxe, no treito desde A Ramallosa ata o enlace coa AC-241, en Pontevea, que se construirá de xeito paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo. 

O novo treito contará con dous enlaces: adecuándose o xa existente na Ramallosa coa estrada AC-841, e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, ao final do treito e rematando nunha glorieta de 20 m de radio sobre a propia estrada autonómica.  

Tamén se inclúen 6 novas estruturas: o viaduto de Santa Lucía de 150 m de lonxitude, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores (un en cada enlace). Ademais prevense ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo. 

O segundo treito proxectado, cun investimento estimado de 34 M€, unirá o enlace da AC-241, en Pontevea, coa PO-841, chegando ata O Rollo, xa no concello da Estrada, tamén de xeito paralelo á estrada autonómica.  

O obxectivo da actuación é facilitar a comunicación e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes, reducindo a 10 minutos os tempos de viaxe entre A Estrada e a capital de Galicia.

A infraestrutura busca, tamén, incrementar a competitividade do municipio da Estrada, sede de importantes institucións como a Academia Galega de Seguridade Pública, do Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061, e cunha grande actividade económica e empresarial.

Data de actualización: 08/05/2023