Entra en vigor o novo Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro tras a súa revisión

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se aproban as actualizacións deste instrumento de prevención co obxectivo de garantir a súa eficacia

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se aproba a revisión do Plan de emerxencia exterior (PEE) de Punta Promontoiro para a súa entrada en vigor mañá. Xa en 2013 os plans de emerxencia exterior de Forestal del Atlántico-Imegasa de Mugardos e da planta de recepción, almacenamento, regasificación e expedición do gas natural licuado da empresa Regasificadora do No-roeste, S.A., tamén de Mugardos, unificáronse neste Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro, que agora se revisa para garantir a súa eficacia.

 

O Pleno da Comisión Galega de Protección Civil informou favorablemente da revisión do plan en decembro do ano pasado. Elevouse ao Consello Nacional de Protección Civil, que tamén procedeu a informalo favorablemente. En cumprimento do artigo 33.2 da Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia, a renovación do plan de emerxencia exterior foi remitida o pasado 8 de marzo ao concello de Mugardos, pois podería estar afectado en caso de accidente nos establecementos industriais contemplados no Plan.

 

Os plans de emerxencia exterior son os documentos que se elaboran para previr e, no seu caso, mitigar as consecuencias dos posibles accidentes graves nos que interveñen substancias perigosas, previamente analizados, clasificados e avaliados. Ademais, establecen as medidas de protección máis idóneas, os recursos humanos e materiais necesarios para a súa aplicación e o esquema de coordinación das autoridades, organismos e servizos chamados a intervir. 

 

Deste xeito, os PEE serven para determinar as zonas de intervención e alerta; a estrutura organizativa e os procedementos de intervención para accidentes graves; a coordinación co plan estatal para garantir a súa integración e coas entidades locais para que elaboren os seus plans de actuación municipais. Tamén recollen os procedementos de información á poboación sobre as medidas de seguridade que se deban tomar e sobre o comportamento que se debe adoptar en caso de accidente, así como os medios e recursos específicos ao dispor das actuacións previstas.

 
Data de actualización: 08/05/2023