O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, participa no encontro territorial do Plan Conecta FP, que se celebra no Centro Integrado de FP Politécnico

A Xunta reúne os empresarios da área de Lugo para definir unha oferta de FP de máxima empregabilidade a través do Plan Conecta

Máis de 4.300 alumnos estudan algún dos 123 programas e ciclos que se imparten nas comarcas de Lugo, Terra Chá, A Fonsagrada, A Ulloa, Os Ancares e Sarria
 

O representante da Xunta salienta a importancia da colaboración do mundo produtivo na inserción laboral e crecente demanda destas ensinanzas
 

Destaca o prestixio social que teñen na actualidade os ciclos formativos, cun 38% máis de matriculados na última década, así como a confianza que teñen das empresas
 

Lugo, 8 de maio de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades Román Rodríguez, participou esta mañá no encontro territorial do Plan Conecta FP para a área de Lugo, onde na actualidade cursan estas ensinanzas un total de 4.312 alumnos. Son un total de 18 os centros que imparten un total de 123 programas e ciclos formativos nas comarcas de Lugo, Terra Chá, A Fonsagrada, A Ulloa, Os Ancares e Sarria.

O obxectivo da xuntanza, na que participaron representantes do sector produtivo, con especial participación de autónomos e pemes, é definir as necesidades de centros e empresas, de cara a elaborar unha oferta formativa de máxima empregabilidade que cubra, ao tempo, as necesidades do tecido produtivo. Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a necesidade de que o tecido produtivo colabore neste proceso, “dado que a súa implicación leva consigo unha maior inserción laboral, que se traduce nun incremento da demanda social da FP, cun 38% máis de matriculados na última década nesta área”.

Román Rodríguez destacou o prestixio da FP, o cambio na percepción destas ensinanzas por parte da cidadanía, converténdose na primeira opción educativa para moitos mozos, así como a confianza crecente do empresariado nestas ensinanzas. “Estamos nun momento de transformación que esixe profesionais cualificados con todo tipo de competencias, de adaptación, tecnolóxicas...”, explicou o conselleiro. “É indispensable a vosa colaboración para formar aos nosos alumnos nas competencias que van ser útiles e que lles van permitir enfrontarse ao mundo laboral”, incidiu.   

Creación de 9.500 prazas

O celebrado esta mañá no CIFP Politécnico de Lugo é un dos 14 encontros territoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP para crear 9.500 novas prazas de FP, ademais doutros cinco encontros sectoriais. A partir de cada un deles crearanse outros 19 grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.  

O obxectivo deste plan é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova.

Programa da xornada

Xunto co conselleiro, interveu na apertura da xornada o presidente da Fundación CEL, Luís García Santalla. Tras o acto de apertura, a xornada continuou co relatorio A Formación Profesional como vía de capacitación, a cargo da directora xeral de FP, Eugenia Pérez. Ao longo do día desenvólvense tres mesas de traballo sobre as posibilidades de colaboración entre a FP e as empresas do seu contorno produtivo, analizando as opcións concretas da FP Dual; sobre a importancia da acreditación de competencias e a formación dos traballadores no mercado laboral futuro e arredor das necesidades do sector produtivo. Nelas participan tanto representantes de centros educativos como de empresas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2023