O Diario Oficial de Galicia publica a transferencia a prol do concello de Triacastela dun treito antigo da estrada LU-633

Trátase dun treito de carácter local e urbano, que constitúe unha rúa de Triacastela e que carece de funcionalidade na rede autonómica de estradas de Galicia

A entidade local asume a titularidade deste tramo e a responsabilidade da súa conservación e mantemento

O cambio de titularidade facilitará o avance na tramitación do Plan Básico Autonómico de Triacastela

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a transferencia a prol do Concello de Triacastela dun treito antigo da estrada LU-633 (LU-134) e do seu ramal de acceso, xunto co seu dominio público viario. 

O Concello de Triacastela solicitou á Xunta a cesión da titularidade deste tramo, que conecta coa estrada LU-633 no punto quilométrico 27+430 e no 27+830. Conta cun ramal intermedio de acceso á estrada LU-633, no punto 27+640. 

Trátase dun treito de carácter local e urbano, que constitúe unha rúa do núcleo de Triacastela e que carece de funcionalidade na rede autonómica de estradas de Galicia. 

A transferencia tramítase agora de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas. 

Coa publicación hoxe deste decreto, o Concello de Triacastela terá a competencia para actuar neste treito de vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Esta transferencia permite avanzar ademais no Plan Básico Autonómico de Triacastela, que está en tramitación, ao xa non ser esixibles as determinacións da normativa en materia de estradas a este treito.

Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 20 de abril: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230508/AnuncioG0533-270423-0001_gl.html.

Data de actualización: 08/05/2023