A renovación do firme na autovía Santiago-Brión e na vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas obrigará a vindeira semana ao corte do tráfico en distintos enlaces

Entre o luns día 8 e o venres día 12 actuarase nos enlaces de Bertamiráns norte, Bertamiráns este, Biduído e Pardiñas

As afeccións ao tráfico estarán informadas nos paneis de mensaxería variable e na sinalización temporal de obra, na que se redirixirá o tráfico polos enlaces contiguos

Continuarase co resto dos traballos no tronco, que se están a executar co corte puntual dun carril da AG-56, desviando o tráfico polo outro
 

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2023 O avance nos traballos de renovación do firme na autovía Santiago-Brión (AG-56) e na vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas obrigarán ao corte do tráfico en distintos enlaces destas vías entre o luns día 8 e o venres día 12 de maio.

 

En concreto, durante a vindeira semana iniciaranse os traballos nos enlaces de Bertamiráns norte (quilómetro 7+850); Bertamiráns este (quilómetro 5+800); e nos enlaces de Biduído (quilómetro 1+950 da VG-1.7) e de Pardiñas (quilómetro 2+900).

 

Seguirase avanzando así nas obras iniciadas o pasado 29 de abril nestas vías de titularidade autonómica, que supoñen un investimento de case 5,9 M€, asumido dentro do contrato de concesión da autovía.

 

Nesta fase das obras é necesario o corte dos enlaces nos que se traballe en cada caso, polo que as afeccións ao tráfico estarán informadas nos paneis de mensaxería variable, así como na sinalización temporal de obra habilitada para ese efecto, na que se redirixirá o tráfico polos enlaces contiguos ao afectado.

 

Seguindo a programación da obra prevista, entre o luns a mércores actuarase no enlace de Bertamiráns norte, iniciando os traballos nas saídas en ambos os sentidos. Unha vez rematados os traballos nas saídas, actuarase nas entradas.

 

O mércores 10 e xoves 11 actuarase simultaneamente nas ligazóns de Bertamiráns este e Biduído, e tamén se traballará nas rotondas.

 

Por último, se as condicións dos traballos o permite, o venres actuarase nos ramais do enlace de Pardiñas.

 

Ademais continuarase  a intervención de rehabilitación puntual do tronco da autovía, que se seguirá executando co corte puntual de tráfico nun carril da AG-56, desviando o tráfico nese sentido polo carril que permaneza operativo.

 

Estes traballos, que contan cun prazo de execución de 4 meses, céntranse no acondicionamento do firme de puntos ou zonas singulares onde existe un deterioro acentuado, mediante o fresado de 5 cm de capa de rodaxe e a reposición de 5 cm con mestura intermedia.

 

As obras tamén inclúen o selado de fisuras transversais e o estendido de nova capa de rodaxe no tronco, ramais e enlaces.

 

As actuacións complementaranse coa posterior reposición da sinalización horizontal e vertical.

Data de actualización: 06/05/2023