O presidente da Xunta participou no acto de entrega das Medallas Anfaco-Cecopesca 2023

Rueda destaca o valor engadido que achega o complexo mar-industria no desenvolvemento de Galicia

Subliña o papel de Anfaco-Cecopesca no feito de que España sexa líder na elaboración de produtos derivados do mar e do pulo de Galicia na exportación

Apunta o papel protagonista das persoas e as entidades recoñecidas coas Medallas nos éxitos empresariais da Comunidade
 

Vigo, 5 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o valor engadido que achega o complexo mar-industria no desenvolvemento de Galicia. O titular do Goberno galego participou no acto de entrega das Medallas Anfaco-Cecopesca, no que apuntou o papel protagonista das persoas e as entidades recoñecidas nos éxitos empresariais da Comunidade. 

O mandatario galego aproveitou o acto para reivindicar a figura do empresariado galego e das máis de 250 empresas asociadas a Anfaco, o puntal tecnolóxico que aporta Cecopesca e a importancia das 30 empresas pertencentes ao organismo que operan no estranxeiro, determinantes para que España sexa o primeiro produtor da Unión Europea na cadea mar-industria e de que Galicia sexa líder na exportación. 

Ao seu entender, Anfaco e Cecopesca ofrecen unha imaxe da nova Galicia do século XXI, resultado de 119 anos de actividade empresarial, “motivo dabondo para crer nos nosos emprendedores, dende as grandes firmas ata o máis pequeno dos empresarios”, subliñou. 

Rueda, que asistiu acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou que o rexurdimento económico de Galicia ten no mar un dos seus fundamentos, de aí os esforzos por protexer o litoral galego e facelo compatible coa súa riqueza e a súa preservación, como está a facer a Xunta coa Lei de ordenación do litoral, que o Goberno galego entende como un deber e un dereito “para facer compatibles as nosas marabillas medioambientais coa actividade económica”, indicou o mandatario galego. 

O presidente da Xunta incidiu tamén na necesidade de que o Goberno central baixe o IVE dos produtos do mar como se fixo con outros alimentos afectados pola suba de prezos derivada da inflación.

Non ao libre comercio da UE con Tailandia

Por outra banda, perante a posibilidade de apertura do mercado europeo a competidores directos da industria galega que non cumpren cos estándares ambientais, laborais ou hixiénico-sanitarios que esixe Europa, como é o caso de Tailandia, o presidente da Xunta amosou a enérxica oposición do Goberno galego á entrada do atún e das conservas tailandesas libres de aranceis.  

Alfonso Rueda garantiu aos presentes no acto o apoio do Executivo autonómico para impedir que se fagan realidade esas “ameazas concretas” que provocarían un dano irreversible ao complexo mar-industria galego e un novo ataque ao sector despois das restricións á pesca de fondo. 

O presidente da Xunta, con todo, amosou a súa confianza nun sector que leva décadas amosando a súa fortaleza: “O mar ten que seguir sendo unha referencia para Galicia porque nel segue habendo moito futuro”, subliñou. 

Medallas 2023

Co tradicional acto de entrega de Medallas, Anfaco-Cecopesca agradece o labor de persoas e institucións que, co seu traballo, dedicación e compromiso, apoian e fomentan a competitividade do complexo mar-industria alimentario.  

Nesta edición resultaron recoñecidas Dolores Figueira (traballadora de Escurís dende 1975), Olga Ucha (traballadora de Conservas Albo dende 1973) e Ramona Conde (traballadora de Costas y Millán dende 1973) no apartado de Medallas á traxectoria. No eido da dirección, recibiu a Medalla Enrique Albo, de Conservas Albo. Como persoa pública destacada foi galardoada Rosaura Leis, presidenta da Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica; en tanto que, no recoñecemento a institucións, a entidade elixida foi a Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición, e no seu nome recolleu o galardón a súa directora, Isabel Peña-Rey.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023