A Xunta anuncia a toma de posesión de predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Val de Camba, no concello pontevedrés de Rodeiro

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural pon en coñecemento dos veciños benefi-ciados pola concentración que poden comezar a usar as novas parcelas resultantes do proceso de reorganización da propiedade

A data para a toma de posesión dos novos predios é o 7 de setembro de 2023 para prados, pasteiros, labradíos sen colleita e monte

A parcelaria de Val de Camba comprende unha superficie de 1.855 hectáreas divididas en 1.869 parcelas finais, propiedade de 723 veciños
 

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2023

A Consellería do Medio Rural anuncia a toma de posesión provisional dos predios da concentración parcelaria de Val de Camba, no concello pontevedrés de Rodeiro.  

A data para a toma de posesión é o 7 de setembro de 2023 para prados, pasteiros, labradíos sen colleita e monte. Para os terreos con colleitas pendentes, no momento no que se recollan segundo o costume da zona. Para a retirada do arborado danse seis meses de prazo, é dicir, ata o 7 de marzo de 2024, debendo contar coa autorización correspondente para a corta.  

Con este anuncio, ponse en coñecemento dos veciños beneficiados por esta concentración parcelaria que poden comezar a usar as novas parcelas resultantes do proceso de reorganización. Así mesmo, todos os propietarios da zona serán notificados de forma individual.  

Esta parcelaria de Val de Camba abrangue unha superficie de 1.855 hectáreas de 723 propietarios. A reorganización territorial permitiu pasar de 7.529 a 1.869 parcelas. Desta forma, este proceso cuadriplicou o tamaño das parcelas resultantes con respecto ás iniciais.  

A partir da toma de posesión, os adxudicatarios poden reclamar ante a Xefatura Territorial de Medio Rural en Pontevedra, no prazo de dous meses, no caso de que existan diferenzas superiores ás marxes de tolerancia admitidas entre a cabida real das novas parcelas e a que conste no expediente de concentración.

Data de actualización: 06/05/2023