Nava Castro destaca a importancia do turismo rural en Galicia para avanzar na desestacionalización, na creación de emprego e na loita contra a despoboación nas zonas rurais

Nos tres primeiros meses deste ano, Galicia recibiu 717.562 viaxeiros, dos cales máis de 13.300 foron no segmento do turismo rural con preto de 22.000 noites de pernotacións, cifra que supera nun 6,6% a do ano pasado

A directora de Turismo indicou que Galicia aposta por un turismo de calidade, sen masificacións, con ofertas gastronómicas e vitícolas de recoñecemento internacional
 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na inauguración da Xornada sobre o Plan de Desenvolvemento Turístico O Courel, onde destacou a importancia do turismo rural para Galicia, pola contribución ao PIB, á creación de emprego e a favorecer a desestacionalización, e a loita contra a despoboación nas zonas rurais.

Nava Castro indicou que os turistas agora buscan lugares pouco transitados, en contacto coa natureza e baseados na sostibilidade. “Grazas ao turismo rural axudamos a zonas rurais a loitar contra a despoboación, a xerar riqueza e, por suposto, a manter as tradicións e a cultura grazas a cal seguimos visibilizando os produtos da nosa terra”, destacou Nava Castro.

“Por elo, dende Galicia, apostamos por un turismo de calidade, cunha oferta dun turismo aberto, sen masificacións, con paisaxes salvaxes e unha natureza sen igual ou con ofertas gastronómicas e vitícolas de recoñecemento internacional”, sinalou a directora de Turismo.

Nos tres primeiros meses deste ano, a nosa comunidade recibiu un total de 717.562 viaxeiros, dos cales máis de 13.300 foron no segmento do turismo rural con preto de 22.000 noites de pernotacións, cifra que supera nun 6,6% a do ano pasado

De aí, a importancia da posta en marcha do Plan de Desenvolvemento turístico no Courel: “O Courel como destino e futuro vital”, que ten como obxectivo dinamizar e potenciar a economía local dos concellos de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas do Sil, aproveitando o seu potencial turístico, atraendo novos habitantes, creando novas empresas, xerando emprego e captando máis clientes e turistas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023