O delegado territorial da Xunta, acompañado da alcaldesa de Cenlle, visitou esta mañá a casa niño ‘A Brincadeira’’

Gabriel Alén salienta a importancia das casas niño nos concellos rurais da provincia

O delegado territorial informou que na provincia de Ourense hai un total de 46 casas niño que cobren un total de 230 prazas

Gabriel Alén subliñou que se trata dun servizo que xa se converteu nun símbolo da aposta de Galicia por estender a conciliación ás contornas rurais, pois estes centros ofrecen atención gratuíta de luns a venres durante un máximo de 8 horas diarias a cinco nenos de 0 a 3 anos de idade

Estes centros permiten que os seus pais poidan compaxinar a vida laboral e persoal, fomentan a creación de emprego nas zonas rurais e mesmo lle dan unha nova vida a vellos establecementos dos municipios rurais

Ourense, 05 de maio de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Rebeca Sotelo, a casa niño A Brincadeira no concello de Cenlle, unha das 46 casas niño da provincia de Ourense que cobren un total de 230 prazas. Desde a creación desta medida pioneira en 2016, a Xunta apoiou a posta en marcha de 95 casas niño para prestar atención a un total de 475 nenas e nenos, a través dun servizo que xa se converteu nun símbolo da aposta de Galicia por estender a conciliación ás contornas rurais. Estes centros ofrecen atención gratuíta de luns a venres durante un máximo de 8 horas diarias a cinco nenos de 0 a 3 anos de idade.

Na provincia de Ourense hai un total de 46 casas niño, sendo as de Verea e Pontedeva as de máis recente creación, en 2022; o que significa – mantivo o delegado territorial- “unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia por que nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia”.

O delegado territorial salientou que as casas niño permiten que municipios como o de Cenlle conten cunha pequena escola infantil 100 % gratuíta para as familias. Deste xeito, apuntou, Galicia será un lugar máis cohesivo e máis familiar no que a igualdade de oportunidades entre o rural e a cidade sexa posible.

O éxito que teñen as casas niño en Galicia -lembrou Gabriel Alén- levou a poñer en marcha sete convocatorias de axudas para crear novos e centros e multiplicar por tres o seu número desde o 2016, cando se publicou a primeira orde.

Servizos a prol da conciliación

Neste sentido, destacou que estes recursos de conciliación ofrecen unha atención profesional para as nenas e nenos de 0 a 3 anos, permiten que os seus pais poidan compaxinar a vida laboral e persoal, fomentan a creación de emprego nas zonas rurais e mesmo lle dan unha nova vida a vellos establecementos dos municipios rurais.

Por iso, o delegado territorial lembrou que Galicia segue reforzando aqueles servizos de conciliación por toda Galicia que lograron situar á nosa Comunidade como unha referencia durante os últimos anos. Mostra disto é o Bono Coidado, que ofrece un apoio para a contratación dun servizo extraordinario de conciliación e que no pasado ano beneficiou a 5.000 familias; a Tarxeta Benvida, unha axuda directa para que as familias fagan fronte aos gastos polo nacemento dun bebé; ou da gratuidade de todas as escolas infantís para todos os fillos e independentemente da titularidade do centro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023