A Xunta adxudica a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada AC-421 na Agualada, no Concello de Coristanco

O contrato, adxudicado por máis de 18.000 €, definirá as actuacións de humanización do treito inicial de case 1 quilómetro da vía

Humanizarase 130 metros da travesía, desde a intersección coa AC-552, e executarase unha senda peonil de máis de 600 metros desde o final da travesía

A senda incluirá unha pequena pasarela peonil sobre o río Calvar
 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada AC-421 na Agualada, no concello de Coristanco.

 

O contrato foi adxudicado á empresa IN L2 Ingeniería y Consulting Galicia S.C.P., por máis de 18.000 euros.

 

Mediante este contrato definiranse as actuacións de humanización do treito inicial de preto de 1 quilómetro de lonxitude da estrada autonómica ao seu paso polo municipio.

 

O proxecto incluirá a humanización do treito de travesía da AC-421, entre o inicio da estrada na intersección coa AC-552 e o punto quilométrico 0+130.

 

Proxectase tamén a execución dunha senda peonil nunha marxe da estrada, en principio na dereita, entre o final da travesía, no punto quilométrico 0+130 e o punto 0+750.

 

O proxecto de execución da senda incluirá, ademais, unha pequena pasarela peonil sobre o río Calvar, exenta á estrada. No deseño valorarase a súa materialización en plástico reciclado, para unha maior durabilidade.

 

Tamén está prevista a rehabilitación do firme entre o inicio da estrada e o quilómetro 0+980, no enlace coa autoestrada AG-55, A Coruña-Carballo, incluíndo unha cuneta de seguridade e transitable entre os quilómetros 0+750 e 0+980.

 
Data de actualización: 07/05/2023