A Xunta recibe 6 ofertas para a mellora do firme en 4 estradas ao paso polas comarcas do Carballiño e do Ribeiro, que suporá un investimento de máis de 1 M€

Acondicionarase o firme nas estradas OU-206, OU-212, OU-901 e OU-902, nos concellos do Carballiño, Avión, Carballeda de Avia, Leiro, Beade, San Cristovo de Cea e Vilamarín

Os traballos comezarán no verán para rematalos este mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de 6 meses

As actuacións centraranse na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición en arredor de 69 km de vía, ademais do repintado das marcas viarias

O contrato inclúe tarefas adicionais, como a limpeza e o reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2023

A Xunta recibiu 6 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en 4 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Carballiño e do Ribeiro, que suporá un investimento de máis de 1 M€.

O obxectivo é acondicionar o firme nas estradas OU-206, no Carballiño; na OU-212, ao paso polos concellos de Avión, Carballeda de Avia, Leiro e Beade; na OU-901, en San Cristovo de Cea e no Irixo; e na OU-902, en San Cristovo de Cea e Vilamarín.

A previsión é comezar os traballos no verán para rematalos este mesmo ano, ao contar cun prazo de execución de 6 meses.

As intervencións consistirán na rehabilitación superficial do firme mediante o fresado e a reposición en arredor de 69 km de vía, completado co repintado das marcas viarias.

 

Ademais, nos traballos obxecto deste contrato inclúense outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.

Data de actualización: 06/05/2023