Desde as 10 da mañá está aberta ao tráfico a estrada PO-534 en Forcarei, tras as obras de restitución completa que supuxeron un investimento da Xunta de 1,1 M€

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023 A Xunta reabriu ás 10 horas desta mañá o tráfico na estrada PO-534 en Forcarei, tras rematar as obras de restitución completa deste tramo da vía autonómica, que supuxeron un investimento autonómico de 1,1 M€.

Estas obras incluíron a substitución da tubaxe danada por un marco prefabricado de formigón, que é máis amplo, máis sólido e, polo tanto, tamén garante maior capacidade e durabilidade.

Tamén se executaron, perpiaño de pedra, as embocaduras de ambos os lados da estrada e reconstruíuse o noiro, a chaira e o firme, xunto coa reposición de sinalización, balizamento e defensas da estrada.

Mentres se executaron os traballos, habilitáronse desvíos para garantir a mobilidade da zona, a través da estrada da deputación que conecta a nacional coa contorna do campo de fútbol de Forcarei; e a través da propia N-541 ata Vilapouca, completando o percorrido pola estrada da Xunta PO-536 ata Cachafeiro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023