A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade peonil na AC-116 ao seu paso polo concello de Narón coa execución dunha cuneta transitable no núcleo do Val

Habilitarase unha cuneta triangular remontable de 2,50 metros de ancho variable para a mellora da seguridade viaria en dous treitos da marxe esquerda da vía

As obras, adxudicadas por case 50.000 €, buscan reforzar as cunetas de seguridade e que poidan ser empregadas para o tránsito de peóns fóra da calzada
 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou os traballos de mellora da seguridade peonil na estrada autonómica AC-116 ao seu paso polo concello de Narón, coa execución dunha cuneta transitable no núcleo do Val.

Os traballos consisten en habilitar unha cuneta triangular remontable para o reforzo da seguridade viaria na marxe esquerda desta vía de titularidade da Xunta, en dous treitos comprendidos entre os puntos quilométricos 4+940 e 5+200 e do 5+720 ao 5+790.

 

As obras foron adxudicadas á empresa José No Mantiñan e Hijos Construcciones por preto de 50.000 euros.

 

A estrada AC-116 ao seu paso polo núcleo do Val, no concello de Narón, dispón dunha cuneta en terra, non revestida, pola marxe esquerda, que nos últimos anos sufriu perdas de material debido á auga que circula por ela.

 

Co fin de evitar estas perdas de material, mellorar a seguridade viaria da zona e ademais evitar infiltracións, con esta actuación dotaranse cunetas de seguridade, que ademais poidan ser utilizadas para o tránsito de peóns fóra da calzada.

 

Máis en concreto, as actuación nestes dous treitos incluirán a escavación da marxe esquerda e recheo subbase e base de zahorra, a colocación de pozos con reixa e a execución de cuneta triangular remontable de 2,50 metros de ancho variable. Os traballos completaranse coa canalización de pluviais.

 

Esta nova actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta realízase en terreos de dominio público adscritos á Axencia Galega de Infraestruturas, non sendo, polo tanto, necesario realizar expropiacións.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023