A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe a ruta de sendeirismo que discorre por esta contorna do Concello do Vicedo

A Xunta valora a senda do Fuciño do Porco como un modelo a seguir que combina a protección ambiental e o uso turístico

Ángeles Vázquez incide na importancia de garantir o equilibrio entre o cada vez maior número de visitantes e a conservación dos valores naturais desta contorna, que está catalogada como Rede Natura 2000

Lembra que este ano as praias da provincia de Lugo renovaron as 18 bandeiras azuis que acadaron en 2022, entre as que figuran os 2 distintivos que o Concello do Vicedo obtivo na pasada edición

O Vicedo (Lugo), 5 de maio de 2023

A Xunta valorou hoxe a senda do Fuciño do Porco, no concello do Vicedo, como un modelo a seguir que combina a protección ambiental e o uso turístico.

 

Durante o seu percorrido pola ruta de sendeirismo cara á Punta Socastro, na que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e do alcalde da localidade, Jesús Novo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu na importancia de garantir o equilibrio entre o cada vez maior número de visitantes e a conservación dos valores naturais desta contorna, que está catalogada como Rede Natura 2000.

 

Nesa liña, Ángeles Vázquez puxo en valor o acondicionamento de paseos, sendeiros e áreas de ocio que permitan o desfrute público e, ao mesmo tempo, proporcionen información sobre os valores naturais e paisaxísticos que reúnen os espazos protexidos.

 

Segundo dixo a conselleira, o obxectivo cara ao que debemos avanzar é a recuperación e acondicionamento de espazos que faciliten a potenciación dun modelo de desenvolvemento sostible que permita o contacto directo coa natureza mediante unha axeitada distribución dos fluxos turísticos.

 

Bandeiras azuis 2023

E, precisamente no marco dese compromiso por desenvolver un modelo de turismo sostible na Comunidade, a conselleira lembrou que este ano as praias da provincia de Lugo renovaron as 18 bandeiras azuis que acadaron en 2022, entre as que figuran os 2 distintivos que o Concello do Vicedo obtivo na pasada edición.

 

Cómpre subliñar que os criterios esixidos pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023