Trenor participa na presentación dos actos do 40 aniversario de Aseica que terán lugar do 13 ao 17 de novembro na Coruña

O acto central será a celebración dun congreso no que está previsto que asistan máis de 500 científicos e científicas

A Coruña, 5 de maio de 2023 O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou na presentación dos actos que Aseica (Asociación Española de Investigación sobre o Cáncer) organizará na cidade da Coruña na que reunirá a expertos nacionais e internacionais para tratar o futuro da investigación do cáncer no seu acto central que será o congreso do 40 aniversario de Aseica.

Desde o luns 13 e ata o venres 17 de novembro, Aseica celebrará varios actos que reunirán en Galicia aos mellores expertos na investigación da oncoloxía. No congreso extraordinario farase un percorrido polos 40 últimos anos na investigación en cancro, pero enfocándose ao futuro: como abordar a prevención e o tratamento destas enfermidades de forma máis eficiente. Aseica está tamén moi comprometida coa divulgación científica, polo que se incluirán diversos actos abertos ao público xeral.

O congreso especial do 40 Aniversario de Aseica é unha cita ineludible para a investigación do cancro no noso país no que participarán ao redor de 500 científicos e científicas.

Na súa intervención Trenor lembrou que a Xunta aprobou o pasado mes de outubro a Estratexia da Xestión do Cancro en Galicia cun horizonte temporal de seis anos.  Unha estratexia que se coordina co Plan Europeo e que recolle explicitamente a posibilidade de desenvolver programas de detección temperá deses cancros en grupos de risco.

Un dos piares desta estratexia é, sen dúbida, o aumento da capacidade investigadora como algo fundamental para alcanzar estas metas.

O delegado territorial lembrou que o obxectivo da Xunta é situar a Comunidade galega na vangarda do tratamento contra o cancro. E para iso conta con dous proxectos moi potentes. O primeiro deles é o centro de produción de terapias avanzadas, cun investimento de preto de 3 millóns de euros, entre a reforma, a adquisición de equipamento e a contratación de persoal de alta cualificación.   Este centro permitirá elaborar novos fármacos innovadores e fomentar a atención personalizada dos pacientes. A nosa previsión é que comece a funcionar este mesmo ano.

Trenor referiuse tamén ao segundo deses proxectos, o centro de protonterapia, unha nova técnica que permite utilizar protóns para aplicar radiación directa a tumores e destruír as células cancerosas, afectando en menor medida a tecidos e órganos sans. “Dende o Goberno galego queremos que sexa o primeiro público de España en poñerse en marcha” puntualizou o delegado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023