A Xunta colabora con Fademga Plena Inclusión Galicia na adaptación de documentos xudiciais a lectura fácil

O Goberno galego renova o convenio para que calquera órgano ou servizo xudicial poida solicitar este servizo nos procedementos que afecten a persoas con discapacidade intelectual, do desenvolvemento ou con dificultades de comprensión lectora

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, mantiveron hoxe unha reunión co presidente da Federación Galega  de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia), Eladio Fernández, e representantes da organización.

No marco do encontro ambas entidades asinaron a renovación do convenio para apoiar o proxecto de adaptación de documentos xudiciais a lectura fácil. O obxectivo é mellorar o acceso á xustiza das persoas con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e con dificultades de comprensión lectora.

O Goberno galego financia esta iniciativa cunha axuda de 15.000 euros, de maneira que calquera órgano ou servizo xudicial de Galicia que tramite un procedemento que afecte a estas persoas poderá solicitar a adaptación a lectura fácil da documentación de referencia. A lectura fácil é un método que recolle un conxunto de pautas e recomendacións relativas  á redacción de textos, deseño e maquetación de documentos facéndoos accesibles.

 

A través deste acordo, a Xunta colabora con FADEMGA Plena Inclusión Galicia no seu programa Adaptación de sentenzas a lectura fácil, do que se lles informa aos interesados durante o proceso xudicial para que soliciten o servizo.

Así, os técnicos da organización adaptan e adecúan a este sistema de lectura fácil os documentos xurídicos correspondentes. Nunha fase posterior levase a cabo o proceso de validación, isto é de avaliación da comprensibilidade, que debe realizarse por parte dun grupo de persoas con dificultades de comprensión lectora similares ás das persoas usuarias finais do documento. Deste xeito, preténdese garantir a correcta comprensión de toda a información adaptada.
 
Con este acordo contribúese a avanzar cara unha Administración da Xustiza inclusiva e accesible para toda a cidadanía e no acceso á xustiza en igualdade de condicións ás persoas que poden presentar maiores dificultades para entender os procesos xudiciais e os seus resultados coa posta en marcha dos mecanismos necesarios, como por exemplo, este programa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023