A Xunta mantén un encontro de traballo para avanzar na elaboración da primeira Estratexia galega contra o idadismo

O obxectivo é actuar contra a discriminación dos maiores desde os ámbitos político, lexislativo, educativo e social

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023

A Xunta mantivo esta mañá un encontro de traballo para avanzar na que será a primeira Estratexia galega contra a discriminación por idade. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, reuniuse hoxe no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) con diferentes expertos e profesionais do ámbito para progresar neste documento que permitirá estudar, reflexionar e formular propostas para erradicar os estereotipos e a discriminación contra as persoas maiores.

 

No encontro estiveron responsables da Cátedra de Idadismo da Universidade de Vigo, en colaboración con Afaga e Atendo, a primeira de toda España. Tamén formaron parte membros de entidades como Cruz Vermella, Ategal ou Cogami; profesionais da Consellería de Política Social e Xuventude; a responsable da Campaña contra o Idadismo da Organización Mundial da Saúde (OMS), Vania de la Fuente; a xornalista Teté Delgado; e o presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, José María Faílde.

 

Mediante esta estratexia actuarase contra o idadismo desde distintos ámbitos. Un deles é o político e o lexislativo, co impulso de normativas que impidan este fenómeno; outro é o educativo, para corrixir conceptos ou estereotipos sobre os distintos grupos de idade; e un terceiro eixe de intervención céntrase no campo social, a través da promoción de máis encontros interxeracionais que faciliten a interacción entre persoas de distinta idade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2023