A Xunta e Asime colaboran no impulso da cadea de valor industrial da eólica mariña en Galicia

As dúas entidades asinarán un convenio, cun investimento de 62.000 euros, para a realización de actividades de promoción, difusión e divulgación dunha eólica offshore compatible co medio natural e as actividades vinculadas ao mar

Esta actuación enmárcase na necesaria identificación das actividades que, pola súa relevancia no ámbito tecnolóxico, innovador ou potencial para xerar cadeas de valor competitivas, concentran futuras oportunidades para a industria galega

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023

O Consello da Xunta informou, na súa reunión desta mañá, do convenio de colaboración coa Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) para o impulso da cadea de valor industrial da eólica mariña na Comunidade.

 

Esta colaboración institucional, por importe de 62.000 euros, permitirá levar a cabo actuacións que respondan aos obxectivos compartidos entre as dúas entidades participantes, como a realización do mapa de capacidades da cadea de valor da eólica offshore en Galicia e o desenvolvemento de accións de promoción, difusión e divulgación sobre a cadea de valor industrial da eólica offshore de Galicia, identificación de oportunidades, promoción da colaboración entre empresas, administracións públicas e outros interesados, apoio ao crecemento do mercado a través da promoción de políticas e regulacións favorables e mellora da competitividade a través de estratexias de investigación e desenvolvementos tecnolóxicos.

 

Desde a defensa dunha eólica offshore compatible co medio natural e coas actividades vinculadas ao mar, o Goberno galego aposta por un desenvolvemento desta tecnoloxía a través dunha estratexia compartida que posicione Galicia como un referente internacional, tanto no eido de proxectos de demostración e impulso comercial desta alternativa eólica, como na consolidación dunha cadea de valor propia con proxección internacional.

A través deste convenio, impulsaranse encontros industriais, workshops, unha plataforma dixital que recolla as capacidades, experiencia e descrición das empresas que forman parte da cadea de valor industrial da eólica mariña, ademais de material promocional, como vídeos e catálogos. O sector do metal galego emprega a máis de 57.000 persoas e representa o 20 % do PIB de Galicia. Asime cumpriu no ano 2022 o seu 45 aniversario e agrupa máis de 600 empresas.

 

Este convenio permitirá sumar as capacidades que Asime ten nesta materia, pois a súa especialización contribuirá a avanzar na consolidación dunha industria asociada á eólica offshore e, en especial, á industria de compoñentes.

A eólica mariña é unha oportunidade con máis de 1200 millóns de euros de investimento previsto en fabricación de aeroxeradores e a creación de 8000 postos de traballo na Comunidade. Desde Galicia defendeuse, desde un primeiro momento, que o desenvolvemento da eólica mariña ten que pasar pola compatibilidade coa actividade pesqueira e a preservación do ecosistema. Por iso, en xuño de 2021 creouse o Observatorio da eólica mariña de Galicia, un foro estable de colaboración e diálogo entre os axentes implicados na súa implantación. A súa misión principal foi -e segue sendo- avaliar a coexistencia e compatibilidade desta tecnoloxía renovable coas actividades existentes a través de foros técnicos, a realización de estudos sobre oportunidades e impacto e a análise do potencial galego.

 

Por outra banda, Galicia tamén forma parte dunha alianza xunto con Asturias e Cantabria materializada no Clúster de Eólica Mariña Atlantic Wind, para colaborar en proxectos de demostración e impulso comercial desta tecnoloxía.

 

Tras a aprobación por parte do Estado do Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), sen atender as achegas realizadas desde o sector e a Administración autonómica, Galicia segue pendente de coñecer o marco legal para a implantación dos proxectos, así como da convocatoria de poxas de lámina de auga para que os promotores se poidan presentar.

Data de actualización: 04/05/2023