O CIFP As Mercedes amosa os proxectos innovadores dos ciclos de Aeromecánica e Enerxías eficientes no ‘Tour do Talento’

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou a exposición do centro docente no marco desta iniciativa, que promove a Fundación Princesa de Girona e conta co apoio da Xunta de Galicia

Lugo, 4 de maio de 2023

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes, de Lugo, participa no Tour do Talento amosando algúns dos proxectos innovadores xurdidos das súas aulas. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe a exposición instalada no MIHL, onde puido coñecer as propostas da man do director do instituto, Joaquín Expósito, e de alumnado implicado na súa creación.

O Tour do talento é unha iniciativa promovida pola Fundación Princesa de Girona coa que colabora a Xunta de Galicia. Durante estes días, desenvolve en distintos escenarios de Lugo actividades para mozos e mozas, orientadas tanto ao seu futuro profesional como ao crecemento persoal.

O CIFP As Mercedes presenta vehículos innovadores deseñados e elaborados nos ciclos formativos superiores de Mantemento aeromecánico de avións con motor de turbina e Eficiencia enerxética e enerxía solar térmica. Así, este último creou unha réplica en madeira dun antigo coche deportivo que funciona grazas a unha pila de hidróxeno, alimentado polo tanto pola tecnoloxía máis moderna e eficiente. Tamén un dron con estrutura de fibra de carbono e alta capacidade de carga, que pode levantar sobre 250 quilos de peso.

Ao ciclo de aeromecánica débese un dron cunha cámara térmica destinado a facilitar a busca de persoas desaparecidas; o simulador de voo –que utiliza a realidade virtual e propón varios tipos de avións-, ou a réplica a escala dunha avioneta real do aeródromo de Rozas, entre outros.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ofrece no CIFP As Mercedes seis graos medios e outros tantos superiores das familias profesionais de Comercio e marketing, Enerxía e auga, Transporte e mantemento de vehículos, e Instalación e mantemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2023