A Xunta inicia a execución dun itinerario peonil na estrada OU-402 en San Bieito do Rabiño, no concello de Cortegada

A intervención supón un investimento de máis de 48.000 € e céntrase na execución dunha senda-cuneta de máis de 200 metros na marxe esquerda desta vía autonómica

Eliminarase a cuneta profunda e mellorarase a accesibilidade e o tránsito peonil entre os quilómetros 41+610 e o 41+835, conectando coa drenaxe existente nos extremos e coa beirarrúa actual

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023 A Xunta comezou hoxe as obras dunha senda peonil na estrada autonómica OU-402, en San Bieito do Rabiño, no concello de Cortegada.  

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones y Almacenes Manuel Viso e Hijos S.L., por máis de 48.000 euros, céntrase na execución dunha senda-cuneta nun treito de algo máis de 200 metros na marxe esquerda da vía autonómica. 

Mediante esta actuación mellorarase a drenaxe lonxitudinal, eliminarase unha cuneta profunda e mellorarase a accesibilidade e o tránsito peonil do treito da marxe esquerda da OU-402, entre os puntos quilométricos 41+610 e o 41+835, conectando coa drenaxe existente nos extremos da actuación e coa beirarrúa actual no quilómetro 41+835. 

A nova senda-cuneta execútase coa tipoloxía de cuneta tendida transitable, adosada á calzada da estrada, cun ancho variable de 2,00 metros como máximo, segundo a dispoñibilidade de espazo. 

A senda será de formigón, con espesor de 12 centímetros, armado con mallazo nos treitos onde coincidan con accesos ou na curva do quilómetro 41+660, para resistir o paso de vehículos eventuais. 

Tamén se disporán elementos para a drenaxe de pluviais: tubaxes e sumidoiros.

As obras desenvólvese dentro da banda de dominio público da estrada, polo que non precisa de expropiacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2023