A Xunta outorga o selo de Mercado Excelente á praza de abastos de Pontedeume

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o mercado eumés

Lembra que ata o 29 de maio está aberto o prazo de presentación de solicitudes do programa de axudas por 4,6 millóns de euros co que se busca potenciar a calidade destas infraestruturas clave para o comercio local

Pontedeume (A Coruña), 4 de maio de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, informou esta mañá de que a Xunta de Galicia vén de outorgar o selo de Mercado Excelente á praza de abastos de Pontedeume. Heredia, que visitou o mercado acompañado pola delegada territorial da Administración autonómica en Ferrol, Martina Aneiros, destacou que á hora de conceder este distintivo se teñen en conta aspectos como a arquitectura e a accesibilidade, o compromiso co produto local, os servizos para a clientela ou a eficiencia enerxética, entre outros. 

Durante a visita, o director xeral de Comercio e Consumo lembrou que ata o 29 de maio está aberta á presentación de solicitudes a convocatoria de axudas para o impulso dunha Rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización das prazas de abastos. Con este programa, ao que a Xunta de Galicia destina 4,6 millóns de euros, búscase apoiar máis dunha vintena de municipios, así como arredor de 18 asociacións e federacións de praceiros. 

No caso dos concellos, os apoios céntranse na mellora das instalacións, dos servizos para a clientela, o equipamento comercial e a eficiencia enerxética. As axudas poden alcanzar os 221.000 euros para os mercados que non contan aínda co selo de Mercado Excelente, e de ata 181.000 euros no caso de mercados que xa contan con este distintivo. Os apoios chegan ata o 80% do investimento subvencionable, dependendo do tipo de actuación a desenvolver.

Entre as distintas actuacións subvencionables atópanse, segundo o tipo de beneficiario, desde accións de mentoring e formación para os praceiros a rehabilitación e reforma construtiva do estado do edificio, así como a rotulación de postos e a adquisición de equipamento persoal para os praceiros coa imaxe corporativa do mercado, a posta en marcha de aparcadoiros, plans de xestión de residuos ou a habilitación de postos para garantir o grao de diversificación da oferta. Tamén se apoiará a adquisición e instalación de equipos de frío industrial e de mostradores, vitrinas, taquillas e expositores refrixerados, ou sistema de iluminación enerxeticamente eficientes e portas de acceso de apertura e peche automáticos.

No caso das asociacións de prazas de abastos e mercados, con axudas máximas de ata 11.200€, apoiarase o mantemento dos marketplaces; a dinamización comercial; actuacións de fidelización da clientela, como a loxística e-commerce ou as aplicacións móbiles con puntos de desconto ou similares; o equipamento persoal dos praceiros coa imaxe común e corporativa do mercado e o equipamento dos postos; e o funcionamento das unidades xerenciais. No que respecta ás federacións, poderán obter axudas de ata 38.400 euros, que se centrarán no mantemento dos marketplaces e nas accións de dinamización comercial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2023