A Xunta convoca en maio e agosto os actos que completan as expropiacións necesarias para executar o novo treito da autovía Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e Pontevea

O levantamento de actas previas terá lugar entre o 22 e o 26 de maio, das 10,00 ás 13,00 horas no salón de plenos do Concello de Teo, e a formalización das actas de ocupación entre o 21 e o 25 de agosto, á mesma hora e no mesmo lugar

A Xunta licitou a principios desta semana as obras do 1º treito de prolongación da autovía AG-59, que suporán un investimento total superior aos 33,1 M€, incluíndo o pagamento dos predios necesarios para executar esta actuación

Trátase da construción de 3,5 km de autovía libre de peaxe desde A Ramallosa ata o enlace coa AC-241, en Pontevea, de xeito paralelo á estrada AC-841

O novo treito contará con dous enlaces, un deles resultado da reforma do existente na Ramallosa, e outro de nova execución, sobre a AC-241, en Pontevea

A Xunta prevé comezar as obras no outono e avanzar paralelamente proxecto de construción do seguinte treito, entre Pontevea e O Rollo, no municipio da Estrada

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023 A Xunta publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a convocatoria, para este mes de maio e para o vindeiro mes de agosto, dos actos expropiatorios para executar as obras do novo treito da autovía Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e o enlace coa estrada AC-241, en Pontevea, no municipio de Teo.

Con esta nova convocatoria complétanse as expropiacións dos terreos necesarios para executar esta actuación, toda vez que a parte principal das expropiacións, que se corresponden co desenvolvemento do tronco da autovía, xa se teñen realizado. 

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para os vindeiros días 22, 23, 24, 25 e 26 de maio, das 10,00 ás 13,00 horas, no salón de plenos do Concello de Teo. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 21, 22 ,23, 24 e 25 de agosto, á mesma hora e no mesmo lugar.  

Este novo treito de autovía suporá un investimento que superará os 33,1 M€, tendo en conta o importe da licitación dos traballos, máis de 32,3 M€, e o pagamento dos 291 predios necesarios para materializar a intervención.

As obras foron licitadas esta mesma semana, o martes 2 de maio, e o obxectivo é comezar os traballos no outono, cun prazo de execución de 20 meses.  

As obras que se van executar

As obras en contratación darán continuidade á autovía AG-59 nun total de 3,5 km libre de peaxe, no treito desde A Ramallosa ata o enlace coa AC-241, en Pontevea, que se construirá de xeito paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo.

O novo treito contará con dous enlaces: adecuándose o xa existente na Ramallosa coa estrada AC-841, e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, ao final do treito e rematando nunha glorieta de 20 m de radio sobre a propia estrada autonómica.  

Tamén se inclúen 6 novas estruturas: o viaduto de Santa Lucía de 150 m de lonxitude, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores (un en cada enlace). Ademais prevense ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo. 

O segundo treito proxectado, cun investimento estimado de 34 M€, unirá o enlace da AC-241, en Pontevea, coa PO-841, chegando ata O Rollo, xa no concello da Estrada, tamén de xeito paralelo á estrada autonómica.  

O proxecto de prolongación da autovía AG-59, entre Santiago de Compostela e o municipio estradense ten como obxectivo aumentar a capacidade do itinerario entre A Ramallosa e A Estrada e mellorar a seguridade viaria cunha autovía de 4 carrís, calzadas separadas e os máis altos estándares de calidade.  

O obxectivo desta actuación é facilitar a comunicación e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes, reducindo a 10 minutos os tempos de viaxe entre A Estrada e a capital de Galicia.

A infraestrutura busca, tamén, incrementar a competitividade do municipio da Estrada, sede de importantes institucións como a Academia Galega de Seguridade Pública, do Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061, e cunha grande actividade económica e empresarial.

Data de actualización: 04/05/2023