A Xunta adxudica por máis de 125.000 € as obras que completarán a ampliación do saneamento da parroquia de Santa María de Melide

Culminarase a rede para dar servizo a 206 habitantes, tras unha primeira actuación coa que se dotou de saneamento as vivendas da parroquia na contorna da N-547

Augas de Galicia executará e financiará a intervención con 120.000 € no marco da colaboración co Concello, que asumirá o financiamento restante

Executarase un novo colector de saneamento que recollerá as augas residuais das vivendas que restan por conectar coa rede e as conducirá por gravidade cara ao colector xa executado a ambas as marxes da estrada N-547

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por un importe de 126.567 euros as obras que completarán a ampliación do saneamento na parroquia de Santa María, no concello de Melide.

Esta actuación, adxudicada á empresa Hordescon, S.L., céntrase na execución dun novo colector de saneamento que recolla as augas residuais das vivendas de Santa María que aínda carecen deste servizo e as conduza por gravidade para a súa conexión co colector executado a ambas as marxes da estrada nacional N-547. Os traballos teñen un prazo de execución de 2 meses. 

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Melide, que prevé un investimento de 150.000 euros. Segundo o establecido no convenio, a Xunta achegará ata 120.000 euros para a execución desta actuación e o Concello asumirá o financiamento restante.  

Augas de Galicia tamén levará a cabo a contratación e execución dos traballos, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.  

Pola súa banda, a entidade local asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo. 

Esta actuación será cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do programa 2014-2020. 

Saneamento de Santa María

Os traballos que se veñen de adxudicar consisten na dotación dun colector de saneamento de 417,54 metros de lonxitude para a súa conexión augas abaixo co colector existente. Realizarase unha perforación horizontal dirixida, paralela á N-547, para salvar unha zona moi estreita entre unha vivenda e a estrada nacional, onde o colector se colocará a máis de 6 metros de profundidade.

Completarase a nova rede con 10 pozos de rexistro e reporanse os pavimentos afectados polas obras nas entradas ás vivendas. 

As obras completan a rede de saneamento proxectada para dar servizo á poboación da parroquia de Santa María, dando servizo a 206 habitantes no ano horizonte 2040. 

Esta intervención súmase á primeira fase xa executada pola Xunta e entregada no ano 2021 ao Concello, coa que se dotou de saneamento as vivendas unifamiliares e edificacións de ambas as marxes da estrada N-547 nesa contorna.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2023