O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, informou hoxe nunha visita ao mercado de Elviña de que está aberta a nova convocatoria de axudas para o impulso dunha Rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización das prazas de abastos. Con este programa, ao que a Xunta de Galicia destina 4,6 millóns de euros, búscase apoiar máis dunha vintena de municipios, así como arredor de 18 asociacións e federacións de praceiros.
Durante a visita Trenor salientou o papel dos mercados coruñeses como motores do comercio local e destacou a calidade e a variedade dos seus produtos e a profesionalidade dos seus traballadores. Neste sentido, apuntou que o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 29 de maio. Con estas axudas búscase potenciar as prazas de abastos atendendo ás necesidades tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras.
Así, entre os principais obxectivos atópanse aproveitar a situación estratéxica dos mercados e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, vinculándoos ao entorno no que se integran, ao produto local e a valores como a sustentabilidade, a protección do medio ambiente e o trato personalizado.
Do mesmo xeito, búscase mellorar a súa accesibilidade, acadar a súa modernización e dixitalización e incrementar os servizos que se prestan á clientela. No caso dos concellos, os apoios céntranse na mellora das instalacións, dos servizos para a clientela, o equipamento comercial e a eficiencia enerxética
As axudas poden alcanzar os 221.000 euros para os mercados que non contan aínda co selo de Mercado Excelente, e de ata 181.000 euros no caso de mercados que xa contan con este distintivo. Os apoios chegan ata o 80 % do investimento subvencionable, dependendo do tipo de actuación a desenvolver.
Entre as distintas actuacións subvencionables atópanse, segundo o tipo de beneficiario, desde accións de mentoring e formación para os praceiros a rehabilitación e reforma construtiva do estado do edificio, así como a rotulación de postos e a adquisición de equipamento persoal para os praceiros coa imaxe corporativa do mercado, a posta en marcha de aparcadoiros, plans de xestión de residuos ou a habilitación de postos para garantir o grao de diversificación da oferta.
Tamén se apoiará a adquisición e instalación de equipos de frío industrial e de mostradores, vitrinas, taquillas e expositores refrixerados, ou sistema de iluminación enerxeticamente eficientes e portas de acceso de apertura e peche automáticos.
No caso das asociacións de prazas de abastos e mercados, con axudas máximas de ata 11.200 euros, apoiarase o mantemento dos marketplaces; a dinamización comercial; actuacións de fidelización da clientela, como a loxística e-commerce ou as aplicacións móbiles con puntos de desconto ou similares; o equipamento persoal dos praceiros coa imaxe común e corporativa do mercado e o equipamento dos postos; e o funcionamento das unidades xerenciais.
No que respecta ás federacións, poderán obter axudas de ata 38.400 euros, que se centrarán no mantemento dos marketplaces e nas accións de dinamización comercial.