A Xunta abrirá ao tráfico desde mañá unha das calzadas do viaduto superior do enlace da Vía Ártabra coa N-VI en Iñás, no concello de Oleiros

A partir das 10,00 horas de mañá poderá circularse polo enlace que dá continuidade a estrada nacional

A Xunta ultima os traballos para concluír o enlace a tres niveis xa iniciado de conexión da Vía Ártabra coa N-VI, co fin de garantir a seguridade viaria, a fluidez de tráfico e a ordenación da contorna

A previsión é que esta intervención estea rematada no vindeiro mes de xuño

Unha vez concluída esta parte da obra, rescindirase o contrato coa UTE adxudicataria e a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 quedará en suspenso ata que conte con plenas garantías xurídicas

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023 A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, abrirá ao tráfico desde mañá, unha das calzadas do viaduto superior do enlace da Vía Ártabra coa N-VI en Iñás, no concello de Oleiros. 

De forma paralela ao proceso xudicial, a Xunta reiniciou en xuño do pasado ano as obras destinadas a concluír o enlace a tres niveis prevista no proxecto de conexión da Vía Ártabra coa AP-9 para rematar este treito da conexión coa estrada nacional. 

Nas últimas semanas foise avanzando de modo importante nos traballos de firmes da ligazón da Vía Ártabra coa N-VI, que é a parte da obra que se vai terminar de executar debido á sentenza tras o contencioso interposto polo
Concello de Cambre.
 

Están xa rematados os traballos do estendido de saburra e executouse a capa base dos firmes e da capa intermedia. Ademais, avanzouse a drenaxe coa instalación do caz de mediana, obras de drenaxe transversal e cunetas. 

Estes últimos días os traballos centráronse nas barreiras e, deste xeito, as actuacións executadas permitirán realizar a última fase de desvíos, o que implica xa a apertura desde maña do tránsito por unha das calzadas do viaduto superior, o que dá continuidade á N-VI. A previsión é abrir esta conexión ao tráfico a partir das 10,00 horas. 

Seguindo a programación prevista na execución destas obras, o obxectivo da Xunta é rematar a finais desde mes de maio a parte principal da obra viaria, poñendo xa en servizo de modo completo tanto a glorieta como o paso superior.  

A configuración final do enlace será tal e como estaba proxectada: cun nivel superior para a N-VI con 4 carrís de circulación, un nivel intermedio con forma de glorieta e un nivel inferior para darlle continuidade á Vía Ártabra, que quedará preparado para a súa prolongación futura cara a AP-9. 

Deste xeito, os traballos últimos consistirán en terminar de retirar a provisión de terras que se fixo, así como a restauración vexetal. Esta intervención é moi sensible ás condicións meteorolóxicas, aínda que se traballa co obxectivo de rematar a obra en xuño.

Unha vez finalizadas estas obras, rescindirase o contrato coa UTE adxudicataria do contrato de construción da prolongación da Vía Ártabra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2023