A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade na estrada PO-315 en Beluso, no concello de Bueu, que suporán un investimento de 330.000 €

O obxectivo é a construción dunha beirarrúa pola marxe esquerda da vía, nun treito duns 600 metros que conectará as beirarrúas nos núcleos da Achadiza e da rúa Nova de Abaixo

Ampliarase a plataforma deste tramo da PO-315 e habilitaranse paradas de autobús con refuxio en ambas as dúas marxes á altura do quilómetro 2+500

Tamén se mellorará a drenaxe da estrada, modernizaranse os servizos, renovarase a capa de rodaxe nas zonas deterioradas e procederase á estabilización dun noiro

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-315, ao seu paso pola parroquia de Beluso, no concello de Bueu, que suporán un investimento de 330.000 euros.

O obxectivo desta actuación é a construción dunha beirarrúa de formigón dunha anchura de dous metros pola marxe esquerda da PO-315 nun treito duns 600 metros de lonxitude, que conectará as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e da rúa Nova de Abaixo, entre os puntos quilométricos 2+150 e 2+750.

Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e instalaranse paradas de autobús con refuxios en ambos os laterais da vía, á altura do punto 2+500.

Os traballos incluirán a mellora da drenaxe e a adecuación e modernización dos servizos existentes nese treito, ademais da renovación da capa de rodaxe naquelas zonas da estrada que teñan o firme deteriorado.

Tamén se procederá á estabilización do noiro de desmonte existente na curva entre os puntos quilométricos 2+580 e 2+660. Actualmente o noiro ten unha pendente moi vertical e proxéctase a escavación necesaria para actuar nel e que sexa así máis estable.

As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.

Data de actualización: 03/05/2023