O presidente da Xunta recibiu o equipo vigués no Pazo de Raxoi

Rueda felicita o Celta Zorka Recalvi de baloncesto feminino polo seu regreso á máxima categoría

Salienta o potencial deste deporte en Galicia con tres equipos galegos na primeira división nacional

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitou hoxe o Celta Zorka Recalvi polo seu regreso á máxima categoría e ocupar de novo un lugar na Liga Feminina Endesa de Baloncesto. Así llo trasladou ao equipo o titular do Goberno galego, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, na recepción oficial ofrecida no Pazo de Raxoi.

Rueda salientou os éxitos que está acadando o deporte galego, lembrando que onte mesmo recibiu os xogadores de fútbol do C.D Arenteiro polo seu ascenso á Primeira RFEF. No caso do Celta Zorka Recalvi gabou o traballo das xogadoras, de todo o equipo técnico e da súa adestradora, Cristina Canero, xa que ademais deste ascenso teñen no seu palmarés 5 ligas, 4 Copas da Raíña e 12 Copas de Galicia.
 
O mandatario galego enxalzou a evolución e os logros que está acadando o baloncesto feminino galego co ascenso tamén do Baxi Ferrol e a permanencia do Durán Maquinaria Ensino Lugo. Rueda considerou que a existencia de tres equipos na máxima categoría demostra o potencial desde deporte en Galicia, á vez que supón un motivo de “orgullo”, polo que lles garantiu o mantemento do apoio do Goberno galego nesta nova etapa na Liga Feminina Endesa de Baloncesto.
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2023