Fernández-Tapias destaca a figura de Fernández del Riego como “defensor dunha Galicia moderna” durante a entrega do premio Letras Galegas ao IES Castelao de Vigo

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo acudiu ao centro escolar vigués para entregar o galardón convocado pola Consellería de Cultura

“Os valores que transmitía Fernández del Riego son os que estades hoxe aquí defendendo a través da vosa exposición”, salientou

A representante autonómica felicitou ao equipo dirixido polo académico Ramón Nicolás polo seu proxecto expositivo sobre “Don Paco”

Os carteis elaborados polo IES Castelao xa están chegando a case 2.000 puntos de destino en España e o resto do mundo: desde Londres a Caracas
 

Vigo, 3 de maio de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, entregou este mércores ao IES Castelao de Vigo o premio pola súa mostra gañadora do Concurso-Exposición Letras Galegas 2023 co traballoCamiñando con Ramón Sanfiz, coñecemos a Francisco Fernández del Riego”. O galardón foi convocado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco da programación institucional das Letras Galegas posta en marcha pola Xunta de Galicia.

A representante autonómica destacou a calidade do proxecto dirixido polo académico Ramón Nicolás, mestre no centro escolar vigués, e salientou a creatividade da proposta. “Parabéns por este harmonioso conxunto de carteis que salientan pola beleza estética, a creatividade e a sorprendente orixinalidade”, sinalou durante a súa intervención nun salón ateigado polo alumnado.

Fernández-Tapias tamén fixo fincapé na figura de “Don Paco” e a súa estreita relación coa cidade de Vigo. “Fernández del Riego destacou precisamente desde Vigo como editor e activista para construír unha Galicia máis moderna e foi quen promoveu en 1963 o galardón do Día das Letras Galegas, xunto con Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román, así que ninguén mellor que el para protagonizar neste 2023, sesenta anos despois, o Día das Letras”, apuntou.

Lectura de poemas

Durante o acto de entrega do premio, varias alumnas do IES Castelao deron lectura a poemas do escritor. O director do centro, Marcos Veiga, tamén dirixiu unhas verbas a todos os presentes, entre os que se atopaba o presidente da Fundazión Penzol, Xosé Manuel Soutullo, e o xefe territorial de Educación, César Ares. Tras as intervencións, a delegada entregou o diploma acreditativo do premio ao equipo dirixido por Ramón Nicolás e tamén o cheque de 2.000 euros ao director. 

O traballo gañador,Camiñando con Ramón Sanfiz, coñecemos a Francisco Fernández del Riego”, amosa a vida e a obra de Del Riego como un camiño que nos convida a percorrer Ramón Sanfiz, o guía e protagonista do libro Galicia do noso escritor; un vieiro que atravesa todos os carteis dedicados ás diferentes facetas da súa vida e obra e no que se amosan as distintas recreacións realizadas polo alumnado.  

A exposición vai acompañada da correspondente guía didáctica, que orienta o percorrido polos carteis e contribúe de forma idónea ao coñecemento e divulgación da figura homenaxeada e da súa época. 

Carteis en 2.000 puntos de destino

Grazas á Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, os carteis elaborados polo IES Castelao chegarán a case 2.000 puntos de destino: aos centros educativos de toda Galicia, mais tamén aos centros nos que se imparte galego fóra da nosa comunidade autónoma (de Castela e León, mesmo ao Instituto Cañada Blanch de Londres, ao Colexio Santiago Apóstol de Buenos Aires e ao Colexio Castelao de Caracas).

Ademais, tamén chegarán a centros de estudos galegos, concellos da Rede de Dinamización Lingüística (e outros de fala galega como os do Val do Ellas en Estremadura), bibliotecas, centros da emigración e distintas asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas dentro e fóra das nosas fronteiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2023