O conselleiro do Medio Rural participou hoxe de xeito telemático na Conferencia sectorial de agricultura e desenvolvemento rural

A Xunta advirte ao Goberno central que non pode controlar a inflación a costa dos agricultores e gandeiros

José González subliñou que non se poden promover baixadas nos prezos dos alimentos sen garantir o cumprimento da prohibición da venda a perdas recollida na Lei da cadea alimentaria en beneficio dos produtores

Solicitou ao ministro de Agricultura unha reunión para tratar a situación do vacún de carne, adiantando a necesidade dunha batería de propostas a prol deste sector

A maiores, o conselleiro criticou que a rebaixa anunciada polo executivo de Madrid no IRPF para agricultores e gandeiros só afecte aos que tributan por módulos, o que deixa fóra -por exemplo- un 27 % das granxas de leite galegas

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe de xeito telemático na Conferencia sectorial de agricultura e desenvolvemento rural, onde advertiu ao Goberno central que non se pode controlar a inflación a costa dos agricultores e gandeiros. A este respecto, subliñou que non se poden promover baixadas nos prezos dos alimentos sen garantir o cumprimento da prohibición da venda a perdas recollida na Lei da cadea alimentaria en beneficio dos agricultores e gandeiros. Máis aínda cando, no caso -por exemplo- do vacún de leite, os prezos en orixe están sufrindo ofertas á baixa nas negociacións para os próximos contratos poñendo en perigo a viabilidade das explotacións. Todo isto nunha situación na que non se aprecia unha baixada significativa dos custos de produción, que se teñen incrementado de xeito moi substancial nos dous últimos anos.

No caso do vacún de carne, trasladou a preocupante situación do sector en Galicia, xa que os prezos en orixe non acadan un nivel suficiente para cubrir os custos de produción. Nesa liña, solicitoulle ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, unha reunión para tratar a situación deste eido fundamental do sector primario, co gallo de sumar sinerxías entre as administracións e garantir a súa sustentabilidade.

Na reunión, José González fixo mención á carta recentemente remitida polos conselleiros de Galicia, Asturias e Cantabria na que se solicitaban que España liderase na Unión Europea a demanda de flexibilización nos requirimentos medioambientais da nova Política Agraria Común (PAC), así como unha prórroga no prazo de presentación das solicitudes deste ano 2023, dada as moitas novidades e dificultades no funcionamento das aplicacións informáticas. Así mesmo, na referida carta solicitábase unha moratoria na aplicación do caderno dixital das explotacións para a súa implantación definitiva no 2025.

A maiores, o conselleiro referiuse ás últimas medidas aprobadas polo Goberno central, nomeadamente á revisión á baixa dos índices de rendemento neto aplicables no método de estimación obxectiva (módulos) do IRPF para actividades agrícolas e gandeiras no período impositivo de 2022. Nese senso, considerou que a rebaixa debería ir máis aló e non deixar fóra aos produtores que tributan en estimación directa, xa que -tan só no caso do sector do leite- quedarían sen beneficios o 27 % das explotacións galegas, que se sitúan por riba dos 250.000 euros de facturación anual. Neste senso, recordou a súa demanda de aplicar unha rebaixa, aínda que fose temporal, do IVE da carne, de xeito que -ao tempo que o consumidor paga menos- os gandeiros poidan cobrar un prezo mais alto polo seu produto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2023