A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado da Xunta en Lugo e co director xeral de Mobilidade, reuniuse esta mañá co presidente da Asociación de empresarios de transporte discrecional de mercadorías da provincia de Lugo

A Xunta acorda con Tradime a convocatoria este ano de axudas para dotación de servizos para camións en gasolineiras e urxir unha solución completa para a A-6

A Xunta publicará nos vindeiros meses unha orde de axudas para dotar as áreas de servizo de espazos de descanso con videovixilancia e duchas para os profesionais do transporte

Na xuntanza, a Xunta e os transportistas compartiron a preocupación pola situación das estradas estatais en Galicia, que lastra na seguridade e a competitividade do sector

Coincidiron na necesidade de dar canto antes unha solución completa á A-6, actuando de forma paralela nos dous viadutos por razóns de seguridade e de eficiencia técnica

A conselleira lamenta que, tras 11 meses do colapso do viaduto, se estea aínda coa demolición, polo que non parece factible a apertura este ano da estrutura sentido Madrid

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023 A Xunta acordou hoxe con Tradime a convocatoria este ano de axudas para facilitar a dotación de duchas e servizos de videovixilancia para camións en gasolineiras e, conxuntamente, reivindicaron unha solución completa á A-6 canto antes. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro de traballo co presidente de TRADIME, a Asociación de empresarios de transporte discrecional de mercadorías da provincial de Lugo, José Fernández, entre outros membros da asociación.  

Na reunión, que dá continuidade á da semana pasada co Comité Galego de Transportes, abordouse a necesidade de contar con áreas de descanso en ruta que estean acondicionadas e ofrezan condicións de seguridade e hixiene axeitada. 

Vázquez Mourelle reiterou a vontade de colaborar para que esa necesidade se vexa atendida, polo que a Xunta incentivará a creación das primeiras áreas de descanso en ruta para os transportistas en gasolineiras próximas ás estradas máis transitadas en Galicia. 

Así, a través dunha orde de axudas que a Xunta prevé publicar nos vindeiros meses, facilitarase nas áreas de servizo a dotación de servizos de calidade para os profesionais do transporte, sobre todo, videovixilancia e duchas.  

Na xuntanza de traballo tamén se abordou a primeira orde de axudas publicada o pasado venres no Diario Oficial de Galicia para a modernización e dixitalización das frotas do transporte, de mercadorías e de viaxeiros. Estas subvencións, por importe global de 6 M€, buscan incrementar a eficiencia do sector mediante a dixitalización, a conectividade ou a introdución de novas tecnoloxías. Con todo, o sector de mercadorías considera que os criterios impostos polo Ministerio de Transportes para a concesión destes incentivos son mellorables, algo que a Xunta se comprometeu a trasladar.  

Ademais na xuntanza de hoxe Xunta e TRADIME compartiron a preocupación pola situación das infraestruturas viarias do Estado en Galicia, do que o sector de mercadorías é un dos máis prexudicados pola súa incidencia na seguridade viaria, nas condicións de condución, nos tempos e na competitividade.  

Fíxose fincapé no deterioro de distintas vías estatais na provincia como a N-540 ou a N-120, e sobre todo na N-642, onde se mantén a día de hoxe o desvío polo socavón do pasado inverno, que dificulta o acceso aos municipios da comarca, ante a falta de avances do Goberno de España no impulso da Autovía da Mariña.  

Con todo, a maior preocupación dos transportistas é a situación da A-6, a principal arteria de comunicación de Lugo coa Meseta, da que o transporte de mercadorías é o principal afectado. 

Ethel Vázquez incidiu en que o desvío habilitado polo Ministerio de Transportes tras o colapso do viaduto do Castro é ineficaz e ten rexistrado xa varios accidentes nos últimos meses.  

Lamentou que case 11 meses despois do colapso, que ocorreu tras un investimento nunha obra de emerxencia de 26 M€, aínda se está cos traballos de demolición, polo que non parece factible que se cumpra o compromiso de poñer en servizo este ano o viaduto en sentido Madrid. 

Remarcou que a negativa do Goberno á execución simultánea de ambos os dous viadutos, como é o procedemento habitual e o que vén facendo o propio Ministerio nas súas obras, e pola vía de emerxencia, pode demorar a solución completa e definitiva ata o ano 2028.

Xunta e TRADIME coincidiron na necesidade de que Executivo estatal garanta, canto antes, unha solución completa á A-6, actuando de forma paralela nos dous viadutos e pola vía da emerxencia, atendendo a razóns de seguridade viaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2023