A conselleira de Política Social e Xuventude visitou hoxe o centro integral de Amencer en Pontevedra

Fabiola García reivindica o uso da tecnoloxía para mellorar a atención á discapacidade

Comprobou os beneficios dun novo programa de rehabilitación con diatermia e o uso de impresoras 3D que desenvolve a entidade e que financia integramente a Fundación Carrefour

Pontevedra, 3 de maio de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe a importancia que ten aproveitar as vantaxes que ofrece a tecnoloxía para mellorar a atención ás persoas con discapacidade. Así o constatou durante unha visita ao centro integral de Amencer en Pontevedra, que incorporou nestas instalacións e nas de Vilagarcía de Arousa un programa de rehabilitación con diatermia e o uso de impresoras 3D financiado integramente pola Fundación Solidariedade Carrefour.

 

Fabiola García sinalou que o uso das novas tecnoloxías permite que as persoas con discapacidade gañen en autonomía e poidan desenvolver as súas vidas con total liberdade. Na consecución deste obxectivo, agradeceu a implicación e solidariedade de empresas como Carrefour que, a través a súa fundación, destina fondos a mellorar a calidade de vida destas persoas.

 

Ademais, a conselleira puxo en valor o traballo que realiza o persoal de Amencer, pois son os que mellor coñecen as necesidades dos usuarios dos seus centros e tamén son os que tratan día a día coas familias. Neste sentido, garantiu que a Xunta de Galicia sempre estará ao carón das entidades que actúan no ámbito da discapacidade, apoiándoas para que poidan axudar cada vez a máis familias e leven os seus servizos a un maior número de persoas.

 

O programa de tratamento fisioterapéutico con diatermia consegue aliviar a dor, as inflamacións e os espasmos musculares dos nenos con parálise cerebral que acoden diariamente ás instalacións de Amencer. Así mesmo, coas impresoras 3D fabrícanse produtos como férulas que axudan nos procesos pre e post operatorios. Estas dúas técnicas xa están demostrando a eficacia e beneficios que teñen cos usuarios do centro de Amencer en Vigo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2023