Diego Calvo avoga por fomentar a responsabilidade social a través do diálogo entre empresas, administracións e cidadanía

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou en “Diálogos en el Atlántico. Territorio y Responsabilidade Social”, organizado por Cesuga, onde apelou a defender unha economía verde e sustentable

A Coruña, 3 de maio de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, aposta por implantar a responsabilidade social co obxectivo de avanzar cara a unha Galicia sustentable na que se garanta a saúde e o benestar das persoas traballadoras nas empresas, unha xestión eficiente dos recursos enerxéticos e a procura dunha sociedade inclusiva.

Na súa participación no evento Diálogos en el Atlántico. Territorio y Responsabilidad Social, organizado polo Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga), defendeu a necesidade de fomentar o diálogo entre o sector público, o privado e a sociedade civil baixo a premisa de que a fortaleza e competitividade do tecido produtivo galego só existe se hai un verdadeiro compromiso das empresas cun modelo económico verde e sustentable.

Deste xeito, tal e como asegurou o vicepresidente segundo, precísanse entidades comprometidas coa contorna e co impacto ambiental e co benestar dos seus empregados. Por iso, puxo en valor o labor das compañías que implantan distintas medidas nos ámbitos social, económico e ambiental e que ademais apostan pola igualdade e a conciliación.

Xunto co vicepresidente segundo da Xunta, neste acto tamén participaron a presidenta de Cruz Vermella Galicia, Carmen Colmeiro; o presidente da Fundación Aluman, Manuel Ángel Pose, e a presidenta do Grupo Lence, Carmen Lence.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2023