A Xunta avoga pola reciclaxe formativa e o benestar laboral para atraer forza laboral na procura dun tecido empresarial máis competitivo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na presentación en Galicia dos resultados do informe de Amazon e AJE Galicia ‘Nuevas tendencias laborales en España’

Coa Axenda Galega de Capacidades, a comunidade xa está a ofrecer ás traballadoras e traballadores microformacións que demandan as agrupacións industriais

Subliñou como prioritarios os apoios á conciliación e a corresponsabilidade e lembrou que a nova Lei galega de igualdade dedicará un capítulo completo ao benestar laboral

O Porriño (Pontevedra), 3 de maio de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe pola reciclaxe profesional e aposta polo benestar laboral como chaves para un tecido produtivo máis competitivo. Fíxoo no encontro O futuro do traballo en Galicia organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE Galicia) coa colaboración de Amazon no auditorio da Biblioteca Municipal do Porriño.

No acto presentáronse as conclusións do estudo Nuevas tendencias laborales en España, realizado por Amazon e a consultora Ipsos, unha información que a conselleira cualificou de “relevante” tanto para o tecido empresarial como para as administracións, xa que, dixo, é preciso coñecer as preferencias do mercado para atraer forza laboral.

No caso concreto de Galicia, indicou, prodúcese unha situación atípica, na que descende o desemprego e increméntanse as afiliacións, pero “aínda así hai vacantes en diferentes sectores económicos porque non atopan os novos perfís que demanda o mercado ou porque as condicións laborais non son o suficientemente atractivas”, declarou a titular de Promoción do Emprego. O reskilling ou a reciclaxe profesional é unha das claves para poder dar resposta axeitada ás súas demandas, especificou.

Axenda de Capacidades

Lorenzana destacou que Galicia leva máis dun ano traballando na Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, unha iniciativa pioneira en España que parte da colaboración público-privada e que pretende crear contornas de aprendizaxe permanente nos que se actualicen as competencias profesionais das persoas traballadoras.

A través de nove mesas de traballo sectoriais, nas que participaron entidades referentes da economía galega, identificáronse necesidades que non contaban con formación adaptada e “ás se está xa a dar resposta, por exemplo, a través de microformacións deseñadas polas propias agrupacións industriais e federacións”, subliñou a conselleira.

Lorenzana avogou, noutro eido de cousas, por que as empresas sexan competitivas tamén no eido extrasalarial, e ofrezan avances en flexibilidade horaria, ambiente ou benestar laboral. Estas cuestións, indicou, contribúen a incentivar a motivación das persoas traballadoras, reteñen o talento e maximizan a produtividade ata un 88 % segundo recentes investigacións.  

O estudo hoxe presentado reflicte ese interese xa que o que máis valoran as galegas e galegos nun traballo é a estabilidade e o tempo libre , seguidos do ambiente laboral, o salario ou a flexibilidade horaria. “A nova lei de igualdade galega dedica un capítulo enteiro ao benestar laboral”, lembrou a conselleira.

Apoios á conciliación

En Galicia, as empresas teñen á súa disposición diferentes axudas para favorecer a flexibilización horaria ou o teletraballo, artelladas a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Tamén a conciliación é unha prioridade para o Goberno galego, que leva anos impulsando con axudas para compensar a redución da xornada laboral e fomentar a corresponsabilidade; para a conciliación das persoas traballadoras autónomas ou para que entidades locais promovan accións de apoio ás familias.

“É necesario que tanto poderes públicos e privados sigamos traballando neste fin, pois como nos revela o estudo, só o 42 % da poboación puntúa como notable as medidas de conciliación dos seus traballos”, remarcou Lorenzana.

Na mesma liña, a titular de Promoción do Emprego defendeu o reforzo de actuacións públicas para acadar a efectiva igualdade laboral e o acceso da muller a postos de responsabilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2023