A conselleira do Mar mantivo un encontro con representantes da confraría do Barqueiro e visitou a zona marisqueira do Lamón de San Fiz

A Xunta destaca a importancia de realizar labores de rexeneración nos bancos marisqueiros para impulsar a súa produtividade

O Lamón de San Fiz, no Barqueiro, é unha das áreas afectadas polos temporais de decembro e xaneiro e nela estase a remover o substrato co fin de realizar novas sementeiras e favorecer a reprodución da ameixa

Para estas tarefas, promovidas pola confraría, emprégase un vehículo anfibio de oito rodas debido a que permite o uso de grade con boa mobilidade en superficies coma esta
 

Mañón (A Coruña), 3 de maio de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con representantes da confraría do Barqueiro, no concello de Mañón, e acompañou ao sector a visitar a zona marisqueira do Lamón de San Fiz onde se están a desenvolver labores de rexeneración para poder realizar novas sementeiras de ameixa nesta área. Alí a titular de Mar puxo en valor a importancia de actuacións deste tipo para favorecer a produtividade dos bancos marisqueiros e paliar os efectos de episodios como os temporais que poden debilitar o marisco e provocar certa mortalidade.

A titular de Mar explicou que esta zona é unha das afectadas polos temporais dos meses de decembro e xaneiro, causantes do arrastre de restos vexetais que se depositaron nas zonas máis baixas da ría. Para tratar esta situación, os traballos promovidos pola confraría no Lamón de San Fiz supuxeron a retirada a man de restos vexetais nunha superficie de máis de 5.000 metros cadrados e agora, na zona adxacente aos viveiros, estanse a realizar traballos de remoción de substrato sobre máis de 1.700 metros cadrados.

Estas tarefas estanse a acometer cun vehículo anfibio de oito rodas co fin de diminuír a compactación do sedimento e favorecer a súa aireación de maneira que permita realizar novas sementeiras. Ademais a conselleira, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, explicou que neste caso se emprega este medio debido a que permite o uso de grade con boa mobilidade en superficies de escaso calado coma esta.

Este tipo de labores, incidiu Rosa Quintana, son de grande axuda tanto nesta como noutras zonas para promover a reprodución de organismos mariños e a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas das zonas marisqueiras. Tamén contribúen a fomentar o sector marisqueiro como elemento clave na economía azul de Galicia e a súa sustentabilidade ambiental, importante para o mantemento da biodiversidade dos ecosistemas.

Outra área na que se están a realizar traballos de rexeneración é a da Lama, onde tamén se retiraron restos vexetais nunha superficie de máis de 5.500 cadrados e se están a facer labores de remoción de substrato en arredor de 3.600 metros cadrados.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 03/05/2023