A Xunta restablecerá o venres o tráfico na estrada PO-534 en Forcarei, tras rematar as obras de restitución desta vía, que supuxeron un investimento de 1,1 M€

Unha vez concluídas as actuacións, prevese que a estrada quede aberta ao tráfico a partir das 10 horas da mañá deste venres

Entre hoxe e mañá retiraranse os tubos antigos da drenaxe e ultimaranse os remates

As obras de emerxencia executáronse como resposta aos danos causados polas intensas chuvias rexistradas en decembro

A intervención incluíu a substitución da tubaxe danada por un marco prefabricado de formigón, xunto coa reconstrución do noiro e do firme e a reposición de sinalización

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade restablecerá este venres o tráfico na estrada PO-534 en Forcarei, tras rematar as obras de restitución desta vía, que supuxeron un investimento autonómico de 1,1 M€. 

Unha vez concluídas as actuacións, a circulación prevese que quede restablecida a partir das 10 horas da mañá. 

Nas xornadas de hoxe e de mañá prevese a retirada da antiga tubaxe e tamén a execución dos últimos remates.  

Estas obras de emerxencia executáronse como resposta aos danos causados polas intensas chuvias rexistradas no pasado mes de decembro. 

A intervención incluíu a substitución da tubaxe danada por un marco prefabricado de formigón, que é máis amplo, máis sólido e, polo tanto, tamén garante maior capacidade e durabilidade.  

Tamén se executaron, perpiaño de pedra, as embocaduras de ambos os lados da estrada e reconstruíuse o noiro, a chaira e o firme, xunto coa reposición de sinalización, balizamento e defensas da estrada.

Mentres se executaron os traballos, habilitáronse desvíos para garantir a mobilidade da zona, a través da estrada da deputación que conecta a nacional coa contorna do campo de fútbol de Forcarei; e a través da propia N-541 ata Vilapouca, completando o percorrido pola estrada da Xunta PO-536 ata Cachafeiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2023